As linguas galega, catalá e vasca fan fronte común en Madrid polo audiovisual

xoves, 16 de decembro do 2021 S. P.

A Mesa Pola Normalización participou este 15 de decembro en Madrid na presentación dunha fronte común, dende as culturas e linguas co-oficiais, a prol dos dereitos destas na Lei do Audiovisual do Estado. Fíxoo na compaña de Kontseilua, Òmnium Cultural, Acció Cultural del País Valencià, Obra Cultural Balear, Escola Valenciana e Plataforma per la Llengua. As entidades de defensa das linguas galega, catalá e vasca reuníronse previamente con representantes de BNG, EH Bildu, Compromís, CUP, ECP, ERC, Junts, PDeCAT, PNB e Més per Mallorca.
O encontro, que se realizou despois dunha sesión de traballo conxunto entre as entidades, serviu para facer chegar ás formacións políticas as reivindicacións lingüísticas e os acordos mínimos que na súa opinión debe incluír a nova lei, provinte da Directiva Europea 2018/1808, que se está tramitando no Congreso e que ditará o futuro da industria audiovisual nas linguas oficiais do Estado español. Neste encontro participaron Jordi Cuixart, presidente de Òmnium Cultural; Paul Bilbao, secretario xeral de Kontseilua; Marcos Maceira, presidente da Mesa Pola Normalización; Anna Oliver, presidenta de Acció Cultural País Valencià (ACPV); Josep de Luís, presidente de Obra Cultural Balear (OCB); e Francesc Marco, secretario de Plataforma per la llengua.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, denunciou que o Estado Español “está enfermo de desigualdade e de falta de equidade entre as súas linguas oficiais, pero advertiu que existe unha cura eficaz e facilmente aplicábel”. Maceira recordou que, segundo datos oficiais, o galego está excluído do 92% da escolas infantís dos núcleos de máis de 50 mil habitantes, o 24% dos menores de 15 anos declaran non sentirse capaces de se comunicaren na nosa lingua e os servizos lingüísticos do TSXG só foron empregados para 145 de 331 mil documentos. "Son estes datos propios dunha lingua oficial de verdade?", pregúntase o presidente da Mesa, "hai realmente liberdade para vivir en galego?".
Neste sentido, Maceira recordou que “o audiovisual é exemplo de exclusión, con só 26 títulos en galego dos case 26.000 dispoñíbeis neste momento nas plataformas dixitais. Todos eles son producións galegas, non hai ningún dobrado nin lexendado. Practicamente todo está dobrado ao español”, dixo, engadindo que a programación infantil na nosa lingua é do 4,6% de luns a venres e do 2,7% na fin de semana, “e que TVE só emite en galego 39 minutos de 120h/día”. Tamén criticou o feito de que a TVE continúe a emitir na súa aplicación móbil un filme tan premiado como O que arde só na versión dobrada ao español.

PUBLICIDADE