As liñas de datos sitúan a Vodafone por riba da competencia

xoves, 9 de outubro do 2014 Redacción

Segundo publicaba hai uns días o Informe Anual da CNMC (Comisión Nacional dos Mercados e a Compertencia) sobre o sector das telecomunicacións, Vodafone dobra aos seus rivais en liñas de datos: módems USB ou tarxetas SIM para navegar desde tablets. Cómpre dicir que o informe corresponde ao ano 2013, e que conclúe que somos xa máis de 30 millóns de habitantes os que navegamos por Internet dende un dispositivo móbil, converténdose nun mercado cuxos ingresos aumentaron un 19,7% até situarse en 3.312 millóns de euros. En total existen 50,2 millóns de liñas de telefonía móbil en España.
En canto ao apartado das liñas exclusivamente de datos, como o caso dos dispositivos USB (para navegar dende calquera recuncho co portátil) ou as tarxetas SIM (que se mercan para usar desde unha tablet), Vodafone é o que domina chegando a dobrar a cota dos seus rivais. O porqué atopámolo no rendemento da súa rede móbil.
Arestora, o 47,8% dos usuarios que contratan unha liña de datos, faino con Vodafone. Isto supón dobrar a Orange -que fica co 22,2% dos clientes- e a Movistar -que ten o 19,1% dos clientes-. Pola súa banda, Yoigo e aos OMV fican co 3,6% e o 7,3% de todas as liñas de datos en España. A situación é lixeiramente diferente cando falamos de liñas de voz e datos, onde é Movistar a que lidera o mercado co 32,4% das liñas, seguido de Vodafone co 24,1%, Orange co 21,2% e Yoigo co 9,4%. Os OMV realizaron un bo traballo durante os últimos anos e contan co 12,9% dos clientes con liñas de voz e datos.
E facendo un repaso á evolución da banda larga, subliñar que dende o ano 2010 pasamos de 7,6 millóns de liñas de voz con tarifa de datos a 29,4 millóns de liñas que teñen contratados ambos os servizos. Como curiosidade, en 2013 transmitíronse 134.118,50 Terabytes de datos polos 97.236,67 de 2012. O que descendeu é o ingreso medio por liña e ano. Os operadores pasaron de ingresar até 120 euros ao ano por cliente a ingresar 100 euros en 2013, cunha clara tendencia á baixa.

PUBLICIDADE