As incidencias co novo sistema informático dos xulgados galegos están en espera de solucionarse

venres, 14 de maio do 2010 Redacción

A Xunta de Galicia continúa colaborando co Ministerio de Xustiza, departamento que subministra a nova aplicación Minerva NOX, para tratar de solventar no menor tempo posible as incidencias deste sistema de xestión procesual implantado o pasado 4 de maio. A Administración autonómica é consciente dos trastornos que está a ocasionar o cambio do sistema informático e así está a trasladarllo ao Goberno central que é o responsable de proveer o Minerva NOX á Comunidade autónoma.
A Xunta está a comunicar ao Ministerio puntualmente as incidencias que se presentan no uso diario do sistema, e que neste momento se centran fundamentalmente nos esquemas de tramitación e nas executorias. A Administración autonómica agarda que o Ministerio remita as correccións destes documentos na maior brevidade de tempo posible. As incidencias están a ser unha constante noutras comunidades autónomas nas que se emprega a aplicación Minerva e nas que o Ministerio de Xustiza debe subministrar a nova aplicación. Desde a Xunta estase a traballar nun plan de formación intensivo para o emprego do sistema de xestión procesual, que comezou esta semana.
Antes da implantación do Minerva NOX estaba previsto establecer os mecanismos necesarios para poder administrar con autonomía os sistemas informáticos que xestionan os expedientes xudiciais e desligarse do Ministerio de Xustiza, actual subministrador destas aplicacións. Este tema, que tamén preocupa especialmente aos sindicatos, será abordado na reunión que ambas partes manterán o vindeiro martes 19 de maio no que tamén se tratarán outros temas referidos á Nova Oficina Xudicial e a implantación do primeiro Plan de Sistemas e Tecnoloxías da Información no ámbito xudicial galego.

PUBLICIDADE