As iconas de Keith Haring debuxan hoxe o logo de Google

venres, 4 de maio do 2012 Raquel Noya

Para os galegos e galegas que amamos as novas tecnoloxías, hoxe é un día especial no que dá comezo a edición de Xuventude Galicia Net máis completa, onde se combinan, sen solaparse, actividades formativas con ocio e entretemento.
Porén tamén se prevé que sexa un gran día para os amantes da arte de todo o mundo, pois celébrase o 54º aniversario do nacemento do artista norteamericano, Keith Haring, quen tamén solapaba distintas disciplinas nas súas obras e a quen Google lle dedica o seu propio doodle.
Nada máis entrar na páxina principal do buscador podémolo ver: unha marabillosa composición de cores que reflicten boa parte da esencia da obra deste innovador artista obsesionado co arte, a música e a moda; tres disciplinas que el fusionaba de xeito sublime para crear unha obra perfecta e perceptible por case tódolos sentidos.
O doodle de hoxe rememora o estilo que converteu a Haring nunha icona da arte de Nova York, onde nos anos oitenta creou un tipo de arte á medida exacta desa metrópole.
Por desgraza Keith Haring foi diagnosticado con SIDA en 1988, e morrero en 1990, logo de ter establecido unha caridade propia coa que apoiou proxectos a favor de outras persoas que sufriron esta terrible enfermidade.
O doodle de Haring cobra vida en Youtube, onde xa circulan varias versións de vídeos coas peculiares letras en movemento, ao son de ritmos moi actuais.

PUBLICIDADE