As historias de Instagram medran até os 60 segundos

martes, 27 de setembro do 2022 Marcus Fernández

As historias de Instagram teñen historicamente unha duración de 15 segundos, de xeito que cando un usuario quere subir un vídeo vertical de maior duración este divídese en varios clips, dificultando a súa edición e provocando pequenos cortes na súa reprodución, de aí que estean a mudar o funcionamento deste formato, que agora permite compartir vídeos vertical de até 60 segundos. Con este cambio, a segmentación de vídeos verticais deixa de realizarse, ou sexa, que os vídeos de máis de 60 segundos quedarán truncados como acontece co resto de formatos de vídeo en Instagram.
Esta medida de Instagram iría na liña do que se fixo cos Reels (que incrementaron paulatinamente a súa duración até os 90 segundos actuais), e sería unha das moitas medidas que está a adoptar a plataforma para competir con TikTok. Deste xeito resulta moito máis confuso decidir cando un contido debe publicarse como historia ou como Reel, xa que as duracións son demasiado semellantes, e o que muda é a canle de difusión.

PUBLICIDADE