As historias de Instagram celebran o seu primeiro aniversario

mércores, 2 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Hai un ano Instagram incorporaba as historias como clara resposta a Snapchat, e agora aproveitan este primeiro aniversario das Instagram Stories para facer balance desta funcionalidade que conta con máis de 250 millóns de usuarios diarios.
Estes meses serviron para confirmar a boa decisión que foi a incorporación das historias dentro de Instagram, pois contribuíu a incrementar o tempo que a xente pasa en Instagram, de xeito que os menores de 25 anos pasarían máis de 32 minutos ao día en Instagram de media, mentres que a partires dos 25 anos de idade o tempo na aplicación superaría os 24 minutos ao día.
Pero as historias de Instagram non se estrearon e punto, senón que cada poucas semanas incorporan algunha nova funcionalidade, mantendo unha grande atención sobre a funcionalidade que desata a creatividade dos usuarios dun xeito desenfadado ao tratarse de contidos efémeros.
Entre os detalles que dan das historias de Instagram co gallo do seu primeiro aniversario sorprende que a cuarta etiqueta de localización sexa a cidade de Madrid, e para animar esta celebración tamén veñen de estrear etiquetas de feliz cumpreanos.

PUBLICIDADE