As historias de Facebook poden facerse públicas

luns, 31 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Ao colocar a privacidade dunha historia como pública abrímola non só a amigos, senón tamén a seareiros

Nos últimos meses Facebook emprendeu un duro ataque a Snapchat clonando boa parte das súas prestacións nas súas distintas plataformas, sendo o máis visible a adopción das historias en Messenger, Instagram e Facebook, con pequenos cambios en cada servizo en función da súas peculiaridades, e sen previo aviso nos últimos días realizouse un cambio deste formato efémero de publicación en Facebook, de xeito que a partires de agora podemos elixir se as historias de Facebook son visibles durante 24 horas só para os nosos amigos ou fanse públicas.
Cando falamos de historias públicas temos que entender que o concepto non é igual que o das publicacións ou as fotografías públicas, xa que estes contidos están visibles de xeito xeral a calquera usuario de Facebook, pero no caso das historias a súa visibilidade é limitada, e só podemos achegarnos a elas a través dunha barra superior que aparece nas aplicacións móbiles de Facebook, ou sexa, que estes contidos están moi restrinxidos, e no caso de facerse públicos o número de usuarios aos que se abre na meirande parte dos casos será moi reducida, xa que o que fará realmente é non limitar só os contidos a amigos, senón que os abrirá tamén ao seareiros (tipo de seguimento moi pouco habitual para usuarios normais, aínda que resulte máis común entre as celebridades, que poden así manter unha relación asimétrica con outros usuarios, ou sexa, achegándolles contidos sen aceptalos como amigos, pois o sistema ten limitado o máximo de amigos a 5.000, polo que cómpre aceptar amizadas con moderación).
Ao parecer este cambio nas historias de Facebook só vai ser un primeiro paso, de xeito que en breve tamén veremos historias que, en vez de ser de usuarios, serán de páxinas, achegando así este formato fresco e divertido a máis usos, para que empresas e marcas de distinto tipo poidan empregar os contidos efémeros en Facebook do mesmo xeito a como xa están a facer en plataformas como Instagram.

PUBLICIDADE