As galegas Hacce e Elogia Media colaboran nun estudo sobre as vantaxes da Web 2.0

xoves, 15 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

A Asociación Nacional de Empresas de Internet (ANEI) vén de publicar un estudo en liña que bota luz sobre os segredos da chamada Internet participativa e social, a que –con maior ou menor acerto e desinterese- convoca ó usuario de a pé para que colabore, comparta, opine e mesmo tire partido dalgún que outro beneficio. Pois ben, esta orde que vivimos da Sociedade da Información (que din que xa se está a solapar co seguinte chanzo, a da Web 3.0, a Web semántica) tamén ten unha serie de vantaxes para as empresas, como se pode supoñer. Escolmalas e afondar nelas é o gran obxectivo do estudo devandito, o Manual Web 2.0 e Empresa, no que (por certo) veñen de colaborar dúas empresas galegas: Hacce e Elogia Media (antes GaliciaBanner).
O traballo, que podemos descargar dende a web da Comunidade de Madrid (ente colaborador), ten como dixemos vocación empresarial. Inclúe temas relacionados coa Internet participativa e coa súa aplicación nos eidos da administración e da empresa en ámbitos como o deseño e a publicidade web, a aprendizaxe a distancia, a comunicación corporativa e as redes sociais profesionais. Por certo que a colaboración no traballo das dúas firmas galegas métese de cheo nos temas devanditos: Hacce concorreu cun amplo capítulo sobre Web 2.0 e o deseño web e Elogia Media cunha investigación sobre a publicidade en liña nesta nova orde do acontecemento dixital.
Sinalar que a investigación ten outro obxectivo máis, a parte do devandito de achegar luz sobre a Internet que implica (e en ocasións complica) ó usuario. A idea de ANEI é celebrar deste xeito, achegando información, os festexos do día da información, o 17 de maio. A proposta non é nova: a asociación leva catro anos impulsando a colección de manuais divulgativos encamiñados ó sector empresarial.

PUBLICIDADE