As galegas Altia e Coremain deseñarán o sistema de xestión docente de Cantabria

mércores, 25 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

A alianza creada entre as empresas galegas Altia Consultores e Coremain vén de resultar adxudicataria do concurso convocado polo Goberno de Cantabria para o desenvolvemento e posta en marcha dun sistema de xestión do persoal docente da Consejería de Educación. Segundo contan ámbalas dúas firmas, o feito de que se teña acadado este contrato por parte de dúas consultoras galegas pon de manifesto o potencial das nosas compañías para competir con éxito en mercados nacionais e internacionais, por diante de empresas punteiras do sector TIC e con presenza nun bo número de países.
Asemade, engaden, a elección da alianza Altia-Coremain é un recoñecemento á capacidade de colaboración empresarial no camiño de abordar “proxectos complexos e ambiciosos”.
Polo que respecta ao proxecto a desenvolver, dicir que deberá levarse a cabo durante un período de 18 meses e dende o punto de vista funcional terá que atender aos seguintes obxectivos:
· Modernizar e mellorar a calidade de xestión do persoal docente non universitario.
· Impulsar a Administración Electrónica no eido da educación.
· Achegarlles aos usuarios información estruturada e en tempo real para a toma de decisións en materia deste persoal.
· Permitir a descentralización da xestión do persoal docente sen perda de control nin eficacia.
· Equipar aos traballadores docentes dunha canle de comunicación directa coa Administración.

PUBLICIDADE