As finanzas na era dixital, ao detalle en Económicas da USC

martes, 3 de xullo do 2018 Redacción

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago acolle esta semana unha actividade formativa sobre a banca na Sociedade da Información, poñendo o foco nos desafíos aos que nos aboca o mundo conectado e comunicado. Estamos a falar do curso As novas finanzas no mundo dixital, un curso de verán organizado en colaboración coa delegación en Galicia do Instituto Español de Analistas Financeiros (IEAF), a Fundación ABANCA, e o Grupo de Investigación Valfinap do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Santiago de Compostela.
O obxectivo, segundo explican os organizadores, é “dar a coñecer os retos aos que se enfronta o mundo financeiro trala dixitalización global”. En termos máis concretos, avaliaranse cousas como a transformación da que está a ser obxecto a banca tradicional, o marco regulamentario que abeira estes cambios ou as novas oportunidades empresariais que xorden da adaptación do sector financeiro ao ámbito dixital. Amais, mostraranse casos concretos de éxito de evolución bancaria e de sinerxías axeitadas co novo cliente dixital.
A persoa encargada de impartir os contidos será a profesora Loreto Fernández. O curso desenvólvese mañá e mailo xoves no salón de graos da Facultade de Ciencias Económica e Empresariais. O obradoiro recoñecido academicamente pola USC cun crédito ECTS para todas as titulacións de Grao e o IEAF, con 12 horas de recertificación, seis por cada unha das dúas xornadas.

PUBLICIDADE