As estratexias avanzadas de promoción dixital centran esta semana dous cursos en Pontevedra

luns, 19 de xuño do 2017 Fernando Sarasketa

Este mes imos ter en Pontevedra formación avanzada sobre mercadotecnia aplicada ao dixital. Así nolo contan a Deputación e máis a UNED (Universidade Nacional de Educación a Distancia), cuxo centro asociado na cidade do Lérez acolle os días 21, 22 e 23 de xuño dous novos cursos impartidos pola Escola Europea de Líderes dirixidos a emprendedores e ao empresariado en xeral. Os dous obradoiros, cunha carga lectiva de 8 horas, abordarán as temáticas do adestramento (o coaching), a mercadotecnia (o marketing) e estratexia dixital. Ambas actividades serán retransmitidas por streaming e poderán ser consultadas en directo e tamén en diferido.
O primeiro dos cursos será impartido pola experta en formación profesional avanzada e liderado, Yolanda Villar, baixo o título Life coaching: especialidade en axudar a persoas a conseguir os seus obxectivos. Esta xornada pretende introducir ao alumando no coaching, metodoloxía baseada nas técnicas conversacionais e orientada á consecución de obxectivos. As clases terán lugar do 21 ao 22 de xuño nas instalacións do centro asociado pontevedrés.
O segundo curso, titulado Emprender con éxito. Marketing e Estratexia dixital en Redes Sociais paso a paso para emprender, será impartido pola experta en mercadotecnia dixital e directora de operacións da consultora Hydra, Eva García Bibian. A formación terá lugar do 22 ao 23 de xuño, de 9:30 a 13:30 horas, nas instalacións do centro asociado de Pontevedra e busca achegarlle sás emprendedoras e emprendedores as principais ferramentas comunicativas empregadas a día de hoxe.
Os cursos teñen un prezo ordinario de matrícula de 80 euros, cun desconto especial para as persoas en situación de desemprego, estudantes con diversidade funcional, membros de familia numerosa e alumnado do centro asociado ou da Escola Europea de Líderes, que pagarán 60 euros.
As persoas interesadas poderán inscribirse nas xornadas formativas a través da páxina web da UNED – Pontevedra, chamando por teléfono ao 986 851 850 ou ben dirixíndose ás instalacións do centro asociado.

PUBLICIDADE