As entidades impulsoras de Emprende Makers converteron decembro nun mes tecnolóxico-argalleiro

martes, 3 de xaneiro do 2023 S. P.

Co remate do ano completáronse as accións levadas a cabo no proxecto galego-portugués Emprende Makers, unha serie de iniciativas destinadas mellorar a competividade das pequenas e medianas empresas (pemes) nas dúas beiras da raia. O proxecto, que apostou por facilitar a creación e posta en marcha dunha rede de emprendemento que funcionase a xeito de punto de encontro e colaboración tecnolóxica, foi co-financiado ao 75% polo FEDER a través do Programa INTERREG V A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, cun orzamento de 1.741.202,53 €.
En Emprende Makers participou, xunto a Deputación, o Concello de Ourense como beneficiario principal xunto á Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economías Social da Xunta de Galicia; a Universidade de Vigo (a ESEI); as Cámaras Municipais de Melgaço, Paredes de Coura e Vila Nova de Famalicão; e a Universidade do Minho.
A entidade provincial levou a cabo unha serie de accións ao longo deste ano, rematando o proxecto coa organización do Decembro Maker Talks, onde tamén se celebrou o concurso Talento Maker e colleu corpo o manual Argalleiros.
A iniciativa Decembro Maker Talks consistiu nunhas xornadas na Escola Superior de Enxeñería Informática do Campus de Ourense, centradas na innovación e na tecnoloxía desde “unha perspectiva didáctica e práctica”. Asistiron profesionais de diversos sectores e ámbitos, por exemplo os da Intelixencia Artificial, a impresión 3D, os videoxogos, a ciberseguridade ou dende novos espazos cidadáns concibidos como laboratorios transformadores, puntos de encontro de talento e para o coñecemento.
O concurso Talento Maker contou coa participación da mocidade e tivo como obxectivo visibilizar ante a xuventude as principais áreas de tecnoloxía colaborativa e participativa e presentalas como “unha panca de desenvolvemento e innovación, para espertar e madurar a vocación, conectar a veciños con outros makers do seu entorno e premiar o esforzo e o talento”, sinalaron fontes da Deputación, engadindo que o manual Argalleiros, outra das iniciativas desenvolvidas, é unha guía para o usuario, con puntos de carácter xeral (introdución ao movemento maker ou a historia deste movemento en Galicia e no norte de Portugal e as diferentes tecnoloxías empregadas neste eido), ademais dun glosario de termos e conceptos e un apartado sobre a Rede Maker GNP.
Ademais, dentro das actividades realizadas pola Deputación de Ourense, destacan tamén:
-Espazos Kids: Actividades que chegaron a case 800 nenos e nenas de entre 8 e 11 anos da provincia de Ourense para inicialos nas tecnoloxías argalleiras.
-Accións dirixidas a reforzar o coñecemento das posibilidades das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) e os recursos maker como instrumentos de xeración de solucións innovadoras e creativas (51 alumnos), que contaron cun acto de entrega de diplomas e mostraron algúns dos prototipos máis destacados, como de accións formativas específicas no campo do emprendemento (106 alumnos).
-Xornadas de acceso a financiamento e a mercados exteriores, dirixidas aos emprendedores de Galicia e Norte de Portugal cunha idea ou proxecto empresarial vencellados a solucións tecnolóxicas, deseños de proxectos ou procesos innovadores asociados ao ámbito maker.
-Hackathon - Laboratorio de ideas e innovación que contou coa participación de máis de 50 persoas e que tiña o obxectivo de seleccionar e premiar as mellores solucións innovadoras para o desenvolvemento do turismo sustentábel en Galicia e na rexión do Norte de Portugal.

PUBLICIDADE