As empresas terán que pagar 1.149,50 euros/mes para contratar publicidade en Twitter

venres, 21 de abril do 2023 Marcus Fernández

As cousas en Twitter parecen ir peor que nunca, e tras as polémicas das últimas semanas e a eliminación das marcas de verificación nas contas de usuario que non se subscribiron a Twitter Blue, chegan novas como que Microsoft desactivou a opción de compartir en Twitter nas consolas Xbox (para non ter que pagar 42.000 dólares/mes para ofrecer tal función) instando aos usuarios a usar o móbil para compartir en Twitter. Pero o máis alarmante é a información que desvelou Matt Navarra: para poder ter publicidade en Twitter os particulares deben subscribirse a Twitter Blue e as empresas pagar 1.149,50 euros/mes para ser consideradas organizacións verificadas.
Se a metade dos grandes anunciantes abandonaron Twitter tras a entrada de Musk, este cambio de política publicitaria podería ser o detonante de máis abandonos, especialmente ante a falta de seguridade da plataforma, que cada vez está máis exposta á suplantación de identidade, a divulgación de falsidades, os calotes e os discursos de odio. Baixo este escenario é difícil convencer aos anunciantes de pagar unha cota mensual para poder adquirir publicidade.

PUBLICIDADE