As empresas galegas terán á súa disposición 23 millóns de euros en axudas a I+D

xoves, 8 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

A Consellería de Innovación vén de facer pública a contía das súas novas axudas para asegurar no posible o progreso dende dentro das empresas. É dicir, para fomentar o permanente abrollar da que a fin de contas é a semente dunha empresa: ofrecerlle ao mercado algo que ninguén máis ofreza. Con este fin, a Consellería destinará agora 23.254.000 euros, contemplándose o financiamento de accións e recursos dirixidos a aplicar innovación nas empresas galegas “en calquera punto da cadea de valor e en todos os procesos da compañía”, informa o departamento da Xunta.
As axudas, que están sufragadas en parte con fondos do Fondo Europeo (FEDER) e Fondos de Compensación Interterritorial (FCI), incorporan sete liñas distintas de actuación, catro delas para as empresas pequenas, medianas (pemes) e grandes, e tres para centros tecnolóxicos ou clústers empresariais.
Un dos puntos novos desta convocatoria con respecto ás anteriores, informa a Consellería, é a liña de subvencións dirixidas de xeito exclusivo a incrementar a capacidade competitiva das firmas. Para isto, haberá de novo tres tipos de axudas. Primeira: para a creación dun novo centro produtivo ou ampliación dun xa existente co fin de desenvolver novos produtos e procesos. Segunda: para a ampliación da produción dun establecemento para atender mercados de produtos novos e adicionais. Terceira: para a transformación de carácter innovador no proceso global de produción dun centro existente.

PUBLICIDADE