As empresas galegas medran en formación TIC, facturación electrónica e uso de software libre

martes, 28 de setembro do 2010 Redacción

O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) vén de realizar unha análise sobre os últimos datos proporcionados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre o uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2009/2010, destacando que as empresas galegas de 10 e máis empregados experimentaron no último ano un incremento na formación en novas tecnoloxías así como na recepción de facturas electrónicas e no uso de sistemas operativos de software libre.
A media estatal segue a rexistrar valores superiores en varios indicadores relativos á penetración das TIC no tecido empresarial e, de novo, son as microempresas as que presentan as maiores dificultades para a incorporarse á Sociedade da Información.
A práctica totalidade das empresas de 10 ou máis asalariados de Galicia dispoñen de ordenador (98%), porcentaxe lixeiramente inferior ao 98,6% que rexistra a media estatal. Un 94,9% das empresas deste segmento dispoñen de conexión a Internet, experimentando un crecemento interanual do 2,2%, aínda que situándose 2,3 puntos porcentuais por baixo da media estatal.
O 98,4% das empresas galegas de 10 ou máis empregados con conexión a Internet, acceden mediante algunha solución de banda larga, porcentaxe practicamente idéntica á media estatal (98,7%). Entre as empresas galegas con conexión a Internet, cabe salientar que un 35% accede á Rede a través de telefonía móbil de banda larga, aproximándose á media estatal (36,7%).
Un 94,5% das empresas galegas deste segmento dispón de correo electrónico, un 82,1% teñen rede de área local (LAN) e un terzo dispón de LAN sen fíos. Galicia está próxima á media estatal nestes indicadores sobre equipamento TIC e conexións básicas de comunicacións. A diferenza sitúase en 2 puntos no caso do correo electrónico e en 3,5 puntos porcentuais en dispoñibilidade de LAN.
O 58,9% das empresas deste segmento con conexión a Internet dispón de páxina web, un 6,9% máis ca no ano 2009. As principais utilidades da páxina web son a presentación da empresa (85,2% das empresas galegas con web) e o acceso a catálogos e listas de prezos (52,7%).
As microempresas presentan aínda niveis baixos de equipamento tecnolóxico e de presenza na Rede. Segundo os datos procedentes da citada enquisa do INE, un 54,8% das microempresas galegas dispón de ordenador, 11,4 puntos por baixo da media estatal. En canto á conexión a Internet, o 47,3% das microempresas galegas dispoñen de conexión á Rede, experimentando un crecemento do 1,3% no último ano fronte ao incremento do 4% do conxunto do Estado.
En Galicia, un 44,7% das microempresas empregan o correo electrónico, cun crecemento do 6,4% no último ano e a 10,7 puntos da media estatal. A porcentaxe de empresas con menos de 10 asalariados que dispoñen de telefonía móbil acada o 64,2%, 2,2 puntos por baixo da media estatal. Un 19,6% das microempresas con conexión a Internet dispoñen de páxina web, unha porcentaxe idéntica á obtida no ano 2009. A diferenza coa media estatal é de 5,4 puntos, que parece provocada pola dispersión xeográfica das microempresas galegas, de aí que estean a realizarse distintos esforzos dirixidos a mellorar a penetración da banda larga na nosa comunidade.

PUBLICIDADE