As empresarias de Lugo e a Deputación organizan unha nova edición dos Premios Son Muller

martes, 15 de novembro do 2022 S. P.

A Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo e a Deputación presentaron a quinta edición dos Premios Son Muller, uns galardóns orientados a “recoñecer o talento, a innovación e o traballo das mulleres empresarias e emprendedoras da provincia”. O prazo para presentar candidaturas estará aberto até o 11 de decembro. As bases e toda información sobre os premios están dispoñíbeis na web da AELU.
Estes recoñecementos divídense en tres categorías: Son emprendedora, Son empresaria, e Son empresaria rural, e entregaranse nunha gala o vindeiro 16 de decembro, no MIHL
A Deputación de Lugo colabora un ano máis coa Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo (AELU) na organización dos premios Son Muller. En concreto, a institución provincial achega 3.500€ para a celebración destes galardóns.
A deputada Pilar García Porto felicitou a AELU “por seguir consolidando” os premios Son Muller, e destacou a “relación tan produtiva” que mantén a Deputación con este colectivo, grazas á que está en marcha, por exemplo, o programa Feminino Rural, “que levamos por todas as comarcas da nosa provincia para dotar ás mulleres do rural de novas ferramentas coas que desenvolver e mellorar o seu propio proxecto de futuro, tanto a emprendedoras, como autónomas ou as que estean montando unha pequena empresa” manifestou.
No acto de presentación dos quintos premios Son Muller tamén estiveron presentes a concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego e Deputada de Ensino, Formación e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, a presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, Beatriz Varela Regueira, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a responsable da Zona de Lugo de Abanca, Zaira Dapena Castro.
Os premios Son Muller constan de tres categorías: Son emprendedora; Son empresaria; e Son empresaria rural. O primeiro premio de cada categoría consistirá en 1.000€ en metálico, e o segundo en 500€. En ambos casos, as galardoadas obterán un ano de cota gratuíta como asociadas da Asociación de Mulleres Empresarias. Ademais, recibirán un xogo de artesanía en cerámica, Matrioskiñas Galegas, elaborado e deseñado por unha artesá lucense exclusivamente para estes premios.
Haberá tamén un recoñecemento especial a unha empresaria lucense de recoñecido prestixio, pioneira no eido social e económico de Lugo. O xurado estará formado por representantes da xunta directiva de AELU, e personalidades de recoñecido prestixio, pertencentes a distintos ámbitos das administracións, a empresa e a sociedade lucense.

PUBLICIDADE