As cousas que pode facer a Intelixencia Artificial para impulsar o noso audiovisual, ao detalle nun webinar o 18 de xuño

xoves, 10 de xuño do 2021 S. P.

18 de xuño temos unha cita para marcar no calendario relacionada coas posibilidades (moitas e variadas) que achegan as tecnoloxías máis disruptivas para transformar os sectores produtivos, neste caso concreto o puxante sector audiovisual galego. O seminario en liña Que pode facer a Intelixencia Artificial polo sector audiovisual? vén da man do Clúster Audiovisual Galego coa colaboración do Clúster TIC Galicia e o apoio do IGAPE.
Segundo informa a organización, a IA pode abranguer mancheas de áreas e funcionalidades dentro do sector audiovisual, e no webinar teremos unha oportunidade para ver, ao detalle, unhas cantas destas potencialidades.
No webinar, que será presentado e moderado por Manuel Meijide, responsábel da Área de Contidos Dixitais do Clúster Audiovisual Galego, daranse a coñecer algunhas aplicacións da IA á nosa industria e de como estas poden ser de gran axuda.
Os investigadores da Universidade de Granada (UGR) Juan Julián Merelo e Pablo García-Sánchez darán a coñecer un proxecto deseñado en colaboración coa Universidade de Cádiz (UCA) consistente no primeiro sistema informático do mundo baseado en técnicas de Intelixencia Artificial que axuda aos guionistas a escribir a historia que mellor poda funcionar de cara ao público.
A sesión continuará coa intervención de Juan Romero, profesor da Universidade da Coruña e co fundador de PhotoIlike.com, quen amosará aos asistentes as posibilidades que ofrece esta ferramenta no sector audiovisual.
De seguido, Manuel Miguez, director da empresa de software 3.14 Financial Contents detallará as solucións de Intelixencia Artificial creadas pola súa empresa para a industria audiovisual. Os asistentes terán ocasión de formular as cuestións que consideren de interese sobre estes temas aos participantes no webinar.
Programa de actividades
-10:00 h. Apertura da xornada e presentación
Manuel Meijide, responsábel da Área de Contidos Dixitais do Clúster Audiovisual Galego
-10:10 h. Aplicación da Intelixencia Artificial á análise do guión
Juan Julián Merelo, investigador do Departamento de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores e Catedrático da Universidade de Granada
Pablo García-Sánchez, investigador do Departamento de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores da Universidade de Granada
-10:30 h. PhotoILike: aplicacións no sector audiovisual
Juan Romero, co-fundador de PhotolLike.com e profesor da Universidade da Coruña
-10:50 h. 3.14 Financial Contents: Solucións IA para a industria audiovisual
Manuel Miguez , director de 3.14 Financial Contents
-11:10 h. Rolda aberta de preguntas
-11:30 h. Peche da xornada


PUBLICIDADE