As comunidades argalleiras de Santiago xuntan forzas en Compostela Tech

luns, 1 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

A nosa terra xa ten unha nova comunidade para facer fronte común arredor da tecnoloxía argalleira (maker), participativa, colaborativa, aberta, construtiva e solidaria. Trátase de Compostela Tech, que xa conta con web de seu (http://compostelatech.org/) e que xorde da vontade compartida dunha serie de asociacións, makers a título individual e entidades locais a prol de compartir recursos e enerxías: Xantar Dev, Aberteo, Blockchain.gal, Wordpress Compostela, GDG Santiago e Recuncho Maker.
Segundo nos conta Óscar Miguel Bandín, un dos impulsores da iniciativa, a orixe deste novo proxecto está na necesidade de encher unha serie de baleiros de comunicación en Compostela e contorna: “Démonos conta que había xente que non coñecía nada do que se estaba a facer en Santiago de Compostela nese sentido, e que algunha xente coñecía unha comunidade e a outra non, malia compartiren moitas cousas”, explícanos Óscar Miguel, que salienta tamén a inspiración que supuxo a creación en Vigo “dunha interesante iniciativa chamada Vigo Tech” e que significou a constatación “dun movemento matemático interesante: o total das contribucións das pequenas comunidades integrantes era moito máis que a simple suma aritmética”.
Volvendo a Compostela Tech, comeza a súa andaina con folgos considerábeis, cun espazo en Twitter e cun calendario único de eventos de todas as comunidades participantes, amais dun chat en Slack para intercambiar coñecemento. A primeira actividade da tempada (XantarDev-MarzalDev) celebrouse este 29 de marzo no Centro Sociocultural do Castiñeiriño.

PUBLICIDADE