As comunicacións cuánticas toman a vila de Baiona

mércores, 9 de maio do 2018 Redacción

A vila de Baiona está a acoller esta semana a Secure Quantum Communications (SQC) School, unha xuntanza internacional na que participan preto dun cento de estudantes e de expertos de toda Europa, formándose en comunicacións cuánticas avanzadas. O director do comité de organización é Marcos Curty, investigador do grupo Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Segundo fai saber, trátase da primeira vez que se organiza este evento na Universidade de Vigo. Nas súas palabras, trátase dunha escola sobre comunicacións cuánticas na que se brinda a oportunidade de interactuar con algúns dos principais expertos internacionais neste eido.
O simposio enmárcase no contexto do proxecto europeo H2020 Quantum Communications for ALL (QCALL), a primeira Innovative Training Network (ITN) que obtivo a Universidade de Vigo, un tipo de proxecto de I+D que se constitúe como rede internacional de empresas e institucións para formar durante catro anos a profesionais de primeiro nivel nunha área de coñecemento determinada. Neste caso, o obxectivo é que estudantes de doutoramento europeos se formen entre 2016 e 2020 en universidades e empresas punteiras en tecnoloxías e comunicación cuánticas.
A Secure Quantum Communications (SQC) School é un programa dunha semana de duración “sobre aspectos teóricos e experimentais das comunicacións cuánticas coa participación de especialistas de recoñecido prestixio que axudarán a que os estudantes acaden unha capacitación de alto nivel neste eido”, destaca Curty. En total concorren73 investigadores e investigadoras de pre-doutoramento, 15 deles membros do propio proxecto de investigación e outros 58 pertencentes a institucións de todo o mundo, principalmente de Europa.
O evento acubilla 15 seminarios de hora e media de duración sobre criptografía cuántica, nos que se abordarán cuestións tanto teóricas como experimentais e avaliaranse as prestacións e a seguridade destas tecnoloxías.
A criptografía cuántica, para quen non o saiba, permite cousas como ter comunicacións totalmente seguras baseándose nos principios da mecánica cuántica. Ou sexa, que pon en xogo sistemas que non se poden romper, segundo explica Curty “algo de especial relevancia nunha contorna na que o intercambio de datos a través de Internet é cada vez maior e implica institucións, empresas e gobernos que precisan de comunicacións cen por cen seguras”. A finalidade do proxecto colaborativo QCALL, no que se insire o evento de Baiona, é avanzar no desenvolvemento “de redes seguras a nivel continental, ao tempo que formamos as e os expertos en tecnoloxías cuánticas do futuro”.
O proxecto ten un orzamento global de 4 millóns de euros, 500.000 dos cales xestionará a Universidade de Vigo como entidade coordinadora dunha das tres accións que conforman a rede.
O subproxecto coordinado polo grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas da EE de Telecomunicación céntranse en desenvolver novos protocolos e solucións para o futuro das comunicacións cuánticas. Máis polo miúdo, traballarase na xeración de números aleatorios, en protocolos de comunicación máis eficientes incorporando as tecnoloxías cuánticas e en protocolos máis ligados ao concepto de integridade das comunicacións có de confidencialidade das mesmas.

PUBLICIDADE