As claves para abrir mercados e sermos máis competitivos, a fondo nun novo curso de INEO

luns, 21 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

Hai moitos factores que convidan á busca de novos métodos empresariais no sector das novas tecnoloxías. Non só a crise, por moito que o sector non estea nin moito menos entre os máis afectados, senón a propia natureza expansiva de toda ferramenta, servizo ou proposta TIC. Dito doutro xeito: o soño de calquera programador e chegar á maior cantidade de usuarios. A isto hai que engadir a necesidade de sermos máis competitivos nun mundo que non agarda. Informar polo miúdo das metodoloxías que se impoñen, as máis rendíbeis a día de hoxe, para levar ao noso negocio TIC a onde sexa preciso é un dos grandes obxectivos do curso que organiza INEO os vindeiros días na Zona Franca.
O evento formativo, que se celebra na Aula de Formación do Consorcio da Zona Franca de Vigo, entre o 24 de maio e o 21 de xuño desenvólvese baixo o seguinte título: Curso sobre Xeración de Novos Modelos de Negocio no sector TIC. As sesións impartiranse ao longo de 5 xornadas (como dixemos, tódolos xoves a partir do día 24), e os asistentes terán a oportunidade de coñecer, ao seu abeiro, diferentes técnicas e recursos para lograr nas súas respectivas compañías máis taxas de competitividade. E todo isto nun mercado, o actual, que demanda cada vez meirandes cambios e adaptacións das empresas. A encargada de impartir o curso, que terá horario de 18.00 a 20.00, será a directora xeral de INEO, Lucía Gregorio. Segundo explica a asociación e avanzamos ao comezo deste artigo, a actividade responde a unha necesidade concreta de adaptármonos aos continuos cambios de rumbo e actualizacións que imprime o mercado do coñecemento: cambios de rumbo aos que mesmo será preciso que nos adiantemos. O resultado é que de xeito constante estanse a xerar adaptacións que esixen novas formas de facer as cousas. “A actualidade”, explican dende INEO, “demanda que as empresas estean preparadas para asumir transformacións de contado e coñezan as ferramentas e metodoloxías que lles van facilitar a localización do intre axeitado para facer modificacións ou para verificar que o modelo de negocio que aplican é o máis correcto”.
O curso formativo insírese pois na liña estratéxica da asociación destinada a mellorar a capacitación das empresas TIC, dos seus traballadores e profesionais, técnica e metodoloxicamente. A actividade ten unha referencia ben concreta, da que parte: o libro Xeración de modelos de negocio de Alexander Osterwalder & Yves Pigneur. No curso, por certo, traballarase sobre exemplos de técnicas que tamén poden servir para crear novas maneiras de facer empresa e acadar e afianzar unha posición competitiva no mercado actual. As sesións de formación van dirixidas sobre todo a directores xerais e empresarios do sector TIC, directivos de estratexia e CEOs. O curso é de balde para empresas socias de INEO e ten un custo de 120 euros máis IVE para empresas non asociadas. As prazas son limitadas.

PUBLICIDADE