As canles de WhatsApp estrean notas de voz e enquisas

mércores, 17 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Mark Zuckerberg anunciou hoxe na súa canle de WhatsApp unha serie de melloras para este formato de comunicación dentro da aplicación de mensaxería de referencia, e que poden supor unha importante mellora para dinamizar as canles e dotalas de atractivo.
Concretamente Zuckerberg comenta que agora é posible publicar notas de voz dentro das canles, permitir múltiples administradores, permitir compartir contidos nos estados e publicar enquisas.
As notas de voz poden resultar moi atractivas para estreitar o contacto entre celebridades e os seus seareiros ou incluso como un xeito máis de divulgar contidos propios dun podcast; as canles de WhatsApp xa non están limitadas a un único número de teléfono, senón que é posible convidar a outros usuarios para poder administrar unha mesma canle (até un máximo de 16 administradores); poder reenviar contidos a un estado de WhatsApp pode resultar práctico para que os contidos cheguen a máis usuarios e se dea a coñecer a canle; e a creación de enquisas permite que os lectores poidan interactuar dun xeito máis visible que reaccionando ás publicacións nas canles.
Estas novas funcións están espallándose actualmente, de xeito que nos vindeiros días deberían estar ao alcance de todos os usuarios.

PUBLICIDADE