As bibliotecas sanitarias galegas permitirán a o acceso aos seus fondos dende calquera lugar

luns, 9 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Este luns 9 de xullo deuse a coñecer unha iniciativa para favorecer, a través das novas tecnoloxías, meirande colaboración entre as bibliotecas da Consellería de Sanidade. Esta medida faría posíbel, entre outras cousas, que se poidan consultar tódolos fondos integrados e consultábeis dos devanditos centros dende calquera emprazamento no que nos atopemos. Estamos a falar do que sería o primeiro catálogo colectivo, en liña, das bibliotecas sanitarias galegas (BICO), tal e como o definiu o secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Antonio Fernández-Campa, ante os medios de comunicación.
A medida, engadiu, compleméntase cun convenio de colaboración coa Fundación Dialnet da Universidade da Rioxa que permitirá meirande cooperación cos centros de coñecemento estatais. De feito, na iniciativa, amais da Consellería de Sanidade e Dialnet, interveñen 56 bibliotecas universitarias, 4 bibliotecas públicas e 10 bibliotecas especializadas, “sendo a Consellería de Sanidade a primeira entidade autonómica de xestión sanitaria que asina un convenio coa Fundación”, informouse.
Lembrar que a Fundación Dialnet é responsábel do portal bibliográfico de acceso a produción científica hispana (revistas, libros electrónicos científicos e tese doutorais) e que a súa colaboración co departamento administrativo autonómico materializarase na achega das publicacións electrónicas editadas pola Consellería de Sanidade, abranguendo a maiores varias publicacións no eido da saúde, como é a revista Galicia Clínica. A sinatura deste convenio “repercutirá na difusión das publicacións da Consellería, así como nos profesionais que a compoñen, que terán acceso a opcións personalizadas e avanzadas dispoñibles en Dialnet”, engadiuse.
Volvendo ao catálogo en liña presentado das bibliotecas galegas da rede BICO, dicir que grazas a este recurso, informou Fernández-Campa, será posíbel atopar máis de 45.000 documentos, “moitos deles ofrecendo a posibilidade de consultalos directamente en liña, sexan libros, publicacións periódicas e todo tipo de materiais multimedia”. O fondo documental estará a disposición de toda a cidadanía galega, aínda que serán os profesionais do SERGAS, os que probablemente lle atopen meirande utilidade e potencial. De feito, a través de cadansúa clave de acceso contarán con vantaxes extra, como por exemplo solicitar préstamos en liña, acceder aos textos completos dos libros electrónicos subscritos pola Consellería, consultar as listas temáticas, ou gardar e comentar os rexistros que considere de interese.
Lembrar que Bibliosaúde, a biblioteca virtual do sistema sanitario público de Galicia, permite aos profesionais acceder de contado á información científica, con tódalas vantaxes que engade a rede en materia de dispoñibilidade, de espallamento e de ampliación dos fondos. Así, o pasado ano 2011 descargáronse máis de 460.000 artigos científicos e solicitáronse máis de 36.000 fóra da Comunidade. “A iniciativa naceu como proxecto para cambiar o sistema tradicional de bibliotecas presenciais existentes nos centros hospitalarios a outro no que se estende, de xeito on-line, o acceso á información a todos os centros sanitarios”, informou este luns a Consellería de Sanidade.

PUBLICIDADE