As bibliotecas da nosa terra afrontan o 26 de outubro os seus retos de dixitalización

luns, 3 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Biblioteca Municipal dos Rosales, na Coruña

O vindeiro 26 de outubro celébrase na Cidade da Cultura unha cita coa innovación no ámbito das bibliotecas: un encontro con todos os elementos que poden seguir converténdoas en centros referencias da cultura e o coñecemento pero tamén en dinamizadores sociais e, por suposto, en espazos dixitais. Estamos a falar da I Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia, que contará coa presenza dun importante número de especialistas de renome no eido bibliotecario e servirá, tamén, para mostrar experiencias innovadoras e boas prácticas aplicadas a estes centros locais de lectura e coñecemento.
A cita, organizada pola Consellería de Cultura e Educación (Subdirección Xeral de Bibliotecas), desenvolverase baixo o seguinte epígrafe: As bibliotecas públicas do futuro: as bibliotecas en proceso de cambio. O director técnico da Biblioteca Nacional de España (BNE), José Luis Bueren Gómez-Acebo, será o encargado de pronunciar a conferencia inaugural dun encontro que ten como destinatarias e destinatarios os profesionais bibliotecarios de toda a Comunidade.
Os obxectivos xerais da xuntanza son favorecer o intercambio de recursos, propostas e experiencias para afrontar os retos do eido bibliotecario, moitos deles dixitais, e poñer de manifesto a necesidade que teñen estes centros de adaptárense aos cambios de hábitos dos novos usuarios e usuarias.
A primeira edición da xornada vaise centrar “nas bibliotecas como espazos abertos á comunidade, acolledores e sociais”, que provén de servizos innovadores e facilitan tamén a innovación dixital. A xornada está enfocada á participación activa dos seus protagonistas, a través de comunicacións, debates, obradoiros e tamén compartindo unha experiencia real de innovación e traballo coa comunidade, a da biblioteca de Muskiz, en Bizkaia, pioneira no uso das novas tecnoloxías e comprometida coa memoria histórica do seu pobo. O seu bibliotecario, Fernando Juárez Urquijo, será o encargado de debullar polo miúdo as actividades.

PUBLICIDADE