As axudas para o impulso do galego dende o local volven poñer o foco nas TIC
venres, 16 de xullo do 2021
- Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística
A
Secretaría
Xeral de Política Lingüística informou no seu portal, Lingua.gal,
dos concellos que se van beneficiar este ano das axudas da Xunta para
promover o galego “dende o ámbito local”. Serán, en total,
85 municipios (como
se pode ver no PDF do DOG) e unha contía de 350.000
euros, o que, supón un incremento do 40% con respecto á dotación
orzamentaria de anos anteriores. Unha vez máis, porase o foco na
dinamización da nosa lingua a través das Tecnoloxías da
Información e a Comunicación.
Ao
abeiro destas axudas, os concellos poderán sufragar os gastos
derivados da creación, do reforzamento e do mantemento de unidades
técnicas especializadas en lingua galega, así como da programación
de actividades específicas coas que dinamizala desde o tecido
municipal. Os ámbitos estratéxicos de actuación que se priorizan
son o do deporte, o da mocidade, o das TIC (Tecnoloxías da
Información e a Comunicación), o do tecido económico empresarial,
o dos servizos sociais e o da perspectiva de xénero e igualdade
entre homes e mulleres.
A
convocatoria dálle cumprimento á directriz aprobada polo Consello
da Xunta de Galicia en 2013 de impulso á prestación de servizos
compartidos entre concellos, a prol dunha maior eficacia, eficiencia
e coordinación.
Así,
23 concellos das provincias da Coruña, Lugo e Ourense concorren e
benefícianse dela a través de oito agrupamentos: A Baña e
Negreira, Carnota e Mazaricos, Rois e Dodro e os xa pertencentes á
entidade supramunicipal da Mancomunidade de Municipios da Comarca de
Ordes (Ordes, Cerceda, Frades, Oroso, Trazo e Tordoia); Bande,
Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños e mais Boborás e Castrelo de
Miño; Quiroga e Rivas de Sil e mais Carballedo e Chantada,
respectivamente. Para alén disto, ao abeiro das axudas, o tecido
municipal galego contará con servizos lingüísticos de nova
creación nos concellos de Noia, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao,
Carballedo e Chantada.
A
convocatoria enmárcase nas accións de promoción do galego desde o
ámbito local que desenvolve a Consellería de Cultura, Educación e
Universidade, entre as que destacan a Rede de Dinamización
Lingüística (RDL), que integra máis de 200 entidades, e os
programas e as iniciativas asociados a ela. Neles, ten especial
incidencia desde o ano pasado o desenvolvemento da programación de
actividades do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, baixo os
obxectivos de apoiar este sector e os seus axentes e profesionais no
contexto da COVID-19, promover iniciativas que sirvan para acelerar a
recuperación do tecido económico cultural e creativo galego e poñer
a disposición da cidadanía unha oferta cultural e lingüística de
calidade.