As axudas estatais á innovación no sector tecnolóxico-dixital, polo miúdo este xoves no Centro Demostrador TIC

mércores, 22 de maio do 2013 Redacción

Para quen ande á procura de canles para obter financiamento de cara á empresa de seu, dicirlle que este xoves 23 de maio, o Centro Demostrador TIC acolle unha sesión informativa sobre as axudas estatais a proxectos innovadores no sector tecnolóxico-dixital. A cita, na que se fará fincapé nos incentivos actuais do Ministerio de Industria, contará coa presenza da subdirectora xeral de Fomento da Sociedade da Información do Ministerio, Mª Ángeles Barragán Zorrilla, e a directora da área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Yolanda García. Ámbalas dúas explicarán os requirimentos das axudas aos empresarios do sector tecnolóxico e doutros sectores produtivos así como a representantes de cámaras de comercio, colexios profesionais, asociacións empresariais e de autónomos.
Sinalar que baixo a modalidade de subvención e/ou préstamos convocados arestora polo Ministerio (ou convocados proximamente), empresas, organismos de investigación e as agrupacións ou asociacións empresariais poderán presentar proxectos de investigación industrial ou desenvolvemento experimental en áreas temáticas tales como a computación na nube, tratamento masivo de datos, mobilidade, cidades intelixentes, ciberseguridade, aplicacións para a mellora da competitividade das PEME a través das TIC, saúde e benestar, contidos dixitais, xestión ambiental e Administración Electrónica.
A sesión informativa dará comezo ás 11 no Centro Demostrador TIC de Galicia e a asistencia a mesma está condicionada ao aforo da sala, previa inscrición en liña a través da páxina web do CDTIC.

PUBLICIDADE