As autoridades chinesas lánzanse a limpar a Rede de inmoralidades

luns, 5 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

En China, malia as desigualdades sociais e económicas e os graves problemas de infracción continua dos dereitos humanos que aínda fican por atopar solución, as autoridades seguen coa teima de vixiar que a Internet se acomode ao seu concepto propio de moral, ao seu e ao de ninguén máis. Segundo informa a axencia Europa Press, o xigante asiático vén de abrir unha persecución integral contra todas as páxina webs que difundan pornografía e contidos prexudiciais para a mocidade. Este férreo labor de seguimento extremo, do que semella que nin sequera se vai librar o buscador Google, foi anunciado esta fin de semana co maior dos volumes posibles: a través da televisión estatal e cun informe-advertencia no que se amosa ás autoridades carretando material dixital dende un espazo de traballo.
O obxectivo da proposta non é outro que “limpar Internet das vulgaridades actuais, que violan a moralidade pública e danan a saúde mental e física dos nenos e a mocidade”. Para o Goberno, todos e todas son susceptibles da propagación deste mal: dende os internautas por deixarse levar até as case que 20 empresas subministradoras de servizos de acceso á Rede, por non ter sido (xunto cos buscadores) efectivos á hora de suprimir contidos pornográficos. Neste senso, até o primeiro procurador de información en liña do país está no punto de mira das autoridades: o buscador Baidu. O certo é que esta tendencia á radicalización do Goberno chinés xa vén de anos atrás. Porén, nos últimos temos rastrexouse un repunte de actividade, sendo un exemplo claro da política de limpeza moral da Internet o apreixamento do autor dun vídeo de contido sexual que foi visto por centos de milleiros de internautas chineses ao longo duns poucos días.

PUBLICIDADE