As aulas CeMIT impartiron formación a 14.600 galegas e galegos ao longo deste ano

venres, 10 de agosto do 2012 Fernando Sarasketa

A Rede de Aulas CeMIT, un tecido de espazos de conexión e dinamización dixital espallados por toda a nosa terra e dependente de Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), presentou este venres un novo reconto do acadado ao longo deste ano en materia de aprendizaxe e divulgación achegadas para a cidadanía. En detalle, participaron nas actividades do seu Plan de Formación 2012 arredor de 14.600 galegas e galegos, unha cifra que, segundo os responsábeis da Rede, case duplica o número de asistentes en 2011 e vai camiño de ir alén da previsión fixada dos 15.000 participantes para finais de ano.
En total, impartíronse até o pasado mes de xuño máis de 20.000 horas de formación nos 98 centros que integran a Rede. “A maioría destas horas, máis de 9.000”, engaden fontes de AMTEGA, “corresponden a cursos de alfabetización, mentres que as accións multimedia supuxeron máis de 2.300 horas de sesións”.
Os cursos e seminarios formativos de natureza avanzada, para profesionais das novas tecnoloxías con amplos coñecementos sobre o eido TIC, impartíronse dende un dos centros principais de actividade da Rede CeMIT, o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia de Santiago (Conxo), onde se superaron as 2.000 horas. O labor que se despregou na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para os empregados públicos materializouse en 1.900 horas de ensino.
Como novidades postas en marcha ao abeiro do dito plan formativo, sinalar que se impulsou a práctica da teleformación a través, entre outras cousas, dunha aula virtual na web da Rede CeMIT que posibilita a aprendizaxe en TIC dende calquera lugar no que nos atopemos, sempre que teñamos acceso a Internet. Este espazo en liña ten dispoñíbeis arestora nove cursos sobre diferentes temas relativos á capacitación dixital.
A Rede CeMIT tamén acolleu nos seis primeiros meses do ano 70 charlas e máis o mantemento do servizo Aula Aberta, que permite o acceso libre e de balde dos usuarios ao emprego do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

PUBLICIDADE