As asociacións de Mos estrean plataforma común de comunicación dixital
luns, 16 de xaneiro do 2017
O
Concello
de Mos vén de informar da creación da Rede de Asociacións local e
máis da súa ferramenta dixital, “un Facebook de uso común”.
A orixe desta iniciativa tecnolóxica está no mes de novembro de
2016, cando a alcaldesa, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Novas
Tecnoloxías, Óscar Soto, convocaron ás directivas das asociacións
do municipio para habilitar “un proxecto común de dixitalización
para o tecido asociativo local”. A posta en marcha deste escenario
comunicativo compartido confirmouse finalmente a semana pasada.
Trátase
do Facebook da Rede de Asociacións de Mos (RAM). Segundo fixo saber
o Concello, o obxectivo desta plataforma é que “as asociacións
locais teñan unha ferramenta común que poidan utilizar para dar
difusión ás súas novas, eventos e actividades e para que toda a
poboación teña acceso a esta información, sexa dende Mos ou dende
calquera parte do mundo”.
O
Facebook da RAM (Rede de Asociacións de Mos) será, ademais, unha
ferramenta activa e dinámica. Nesta liña de fomentar a
participación e a adhesión, este luns pola tarde a Axencia de
Colocación de Mos vai acoller unha sesión dirixida ás asociacións
interesadas en incorporarse/asociarse ao Facebook da RAM (Rede de
Asociacións de Mos). Na cita participará o voluntario dixital do
Concello, Antonio Pasarín, que resolverá dúbidas sobre o Facebook
da Rede e explicará como compartir noticias co espazo da RAM na dita
rede social.
Segundo
engadiu o Concello, esta plataforma de uso común xa está dispoñíbel
“para calquera persoa que queira visualizala”. Ademais, neste
intre ten un alcance de 5.821 persoas.