As accións de BlackBerry baixan dos 10 dólares por primeira vez no ano

xoves, 11 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Aínda que non son poucos os que confían en que a renovación que está a experimentar BlackBerry co seu sistema operativo móbil BlackBerry 10, o mercado non o ve do mesmo xeito, e onte a compañía canadense cotizou no mercado bolsista de Toronto por debaixo dos 10 dólares por acción, o que é a primeira vez que pasa no que vai de ano, e o pasado mes de xaneiro conseguira valores de ata 17,80 dólares por participación, cuns resultados tamén moi semellantes no NASDAQ (onde cotiza a 9,28 dólares, extraordinariamente lonxe dos 230,52 dólares aos que chegou no verán de 2007, e tamén a bastante distancia dos 17,90 dólares aos que chegou o pasado mes de xaneiro).
Esta caída na cotización de BlackBerry está a responder tanto aos comentarios de varios analistas que consideran complicado que a compañía canadense poida remontar a situación, especialmente nun momento no que coméntase que grandes fabricantes como Apple ou Samsung están a axustar as súas producións de cara a unha lixeira caída da demanda dos seus produtos no vindeiro trimestre.
A estas previsións hai que sumarlle a mala resposta que están a ter os novos terminais de BlackBerry no Reino Unido, que está a ser a entrada en Europa dos móbiles con BlackBerry 10, e onde aseguran que o terminal que debería estar a venderse de xeito masivo polo seu prezo axustado, o BlackBerry Q5, apenas conseguiu colocar 5.000 unidades no seu lanzamento.
Haberá que agardar uns meses para poder coñecer mellor a resposta real do mercado, así como a datos oficiais achegados por BlackBerry, pero en vista das informacións que xorden de analistas e medios de comunicación non parece haber motivos para o optimismo.

PUBLICIDADE