As Xornadas Xurídicas de Sarria analizarán a relación entre Intelixencia Artificial e Dereito

mércores, 1 de xuño do 2022 S. P.

As XV Xornadas Xurídicas de Sarria Román García Varela, que se celebrarán na Casa da Cultura da localidade lucense os días 3 e 4 de xuño, abordarán este ano a relación entre a Intelixencia Artificial (IA) e o Dereito. O vicepresidente do Tribunal Constitucional, Juan Antonio Xiol Ríos, impartirá a conferencia inaugural do encontro, que está organizado polo Concello de Sarria e que forma parte do programa de Formación Continua do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).
Ao longo dos dous días, expertos en ambas materias participarán en mesas redondas nas que analizarán, entre outras cuestións, a biometría no proceso de investigación criminal, a propiedade intelectual das obras creadas por Intelixencia Artificial ou o cibercrime.
As xornadas, que están dirixidas polo letrado da Administración de Xustiza Román García-Varela Iglesias e polo catedrático de Dereito Mercantil e avogado Carlos Lema Devesa, contarán coa presenza de prestixiosos relatores, entre eles maxistrados do Tribunal Supremo e da Audiencia Nacional ou o fiscal xefe da unidade de extradición en Reino Unido, quen dará unha visión internacional da importancia da IA no Dereito.
O curso tentará estudar os desafíos e oportunidades que implica a utilización destas tecnoloxías, analizando os marcos éticos e legais para garantir que a IA se desenvolva e aplique sobre a base dos valores e dereitos fundamentais do noso Estado de Dereito.
Esta XV edición comezará o vindeiro venres, 3 de xuño, ás 10 horas. Ao acto de inauguración asistirán o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o alcalde de Sarria, Claudio Garrido; o vogal do CXPX Juan Manuel Fernández; o conselleiro de Xustiza, Diego Calvo; e o deputado da Deputación de Lugo Pablo Rivera. A clausura, que será o sábado 4 de xuño ás 13 horas, contará coa asistencia da secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia, Carme Artigas Brugal; o vogal do CXPX Rafael Mozo; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde; a directora do Centro Asociado UNED Lugo, Ana Traseira; e os codirectores das xornadas, Román García-Varela Iglesias e Carlos Lema Devesa.

PUBLICIDADE