As VIII Jornadas Nacionales de Investigación en Ciberseguridad chegan este mércores a Vigo

martes, 20 de xuño do 2023 S. P.

Vigo acollerá a partir de mañá, 21 de xuño, e até o 23 de xuño, as VIII Jornadas Nacionales de Investigación en Ciberseguridad (JNIC), organizadas por atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, e polo centro tecnolóxico Gradiant, co apoio do Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE).
Cómpre dicir que se prevé que máis de 150 especialistas participen neste evento, que é a primeira vez que se celebra en Galicia, tras o seu paso en edicións anteriores por cidades como León, Granada, Madrid, Donostia, Cáceres e Bilbao.
As JNIC teñen como finalidade xerar un foro de intercambio de coñecemento e experiencias no ámbito da ciberseguridade entre persoal académico, investigador e empresas. Así, as xornadas centraranse en tres eixos: investigación, transferencia e innovación docente en ciberseguridade a través de diversas sesións e mesas redondas.
Sinalar que o programa abrangue dúas conferencias con relatores de recoñecido prestixio internacional, como Mordechai Guri, experto informático e investigador en seguridade, que falará na súa conferencia Air-Gap Security: Attacks and Defense sobre canles de ocultación para a comunicación con redes fisicamente illadas, e Carmela Troncoso, profesora da Escola Politécnica Federal de Lausana, que abordará na súa exposición, titulada Privacidad por diseño: del papel a la práctica, distintas interpretacións desta filosofía de deseño de sistemas dixitais, con exemplos de uso de tecnoloxías deseñadas para mellorar a privacidade (Privacy Enhancing Technologies) combinadas con sistemas que permiten funcionalidades complexas sen necesidade de recoller nin procesar datos.
Alén disto, o congreso comprende dez sesións nas que se presentan os traballos seleccionados, terán lugar dúas mesas redondas que permitirán conversar sobre tecnoloxías disruptivas e o rol da ciberseguridade e o horizonte en tecnoloxías cuánticas durante a primeira e segunda xornada do evento.
As xornadas contan co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), o Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, o Consorcio da Zona Franca de Vigo, Seresco, Plexus Tech, a Cátedra R en Ciberseguridade, RENIC (Red de Excelencia Nacional de Investigación en Ciberseguridad), Eviden, Optare Solutions, Viewnext e CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da lnformación e as Comunicacións).

PUBLICIDADE