As Tanxugueiras converteron en tendencia en redes sociais ao Luar

luns, 7 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

Tras o éxito acadado pola #TanxuFesta, a Televisión de Galicia escribiu outro capítulo máis da historia das Tanxugueiras na súa aventura para representar a España en Eurovisión, que desembocou nunha edición moi especial do programa Luar, que o pasado venres conseguiu unha cota de pantalla do 19,1% grazas á presenza das Tanxugueiras, proxectándose tal éxito tamén á Rede a través do cancelo #LuarTanxugueiras, que foi tendencia en Twitter durante toda a emisión do programa.
O arrastre de audiencia do #LuarTanxugueiras non se notou só na TDT, senón que tamén foi evidente na canle internacional da TVG e na canle de YouTube da Galega, a través da que pode seguirse a emisión en directo, e que permitiron que espectadores repartidos por todo o mundo puidesen seguir o Luar.
O Luar tamén fixo historia ao conectar en directo co programa Las Claves del Siglo XXI de Televisión Española, sendo a primeira vez que se fai tal entre a TVG e TVE, transmitindo unha mensaxe a prol da música e contra os discurso de odio que proliferaron ante o descontento xeral de que as Tanxugueiras non gañasen o Benidorm Fest pese ao apoio masivo do público.

PUBLICIDADE