As TIC, presentes na campaña da Deputación da Coruña para promover o galego na mocidade

luns, 1 de outubro do 2018 Redacción

As novas ferramentas dixitais (redes sociais, móbiles e demais) van ter especial protagonismo na nova campaña da Deputación da Coruña para promover o uso do galego entre as novas xeracións, nas aulas, o programa #ogalegoamiñalinguapropia. O programa, en activo dende o primeiro día do actual curso académico, diríxese a enganchar á mocidade galega co lingua de seu a través dos camiños abertos por persoeiros referenciais dos mundos da música, o deporte, o grafite ou (precisamente) as novas tecnoloxías da información. A iniciativa chegará a centros de ensino de 43 concellos con máis de noventa actividades. Participarán directamente máis de tres mil mozas e mozos.
A vicepresidenta e responsábel da área das áreas de Lingua e Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, presentou hoxe os principais detalles do programa e fixo balance do acadado nas accións previas. Estivo acompañada do músico Xurxo Souto, a poeta Antía Otero, a actriz Paula Carballeira, a artista Laura Romero, o actor Lois Blanco, a música MJ Pérez, a poeta e contadora Lucía Aldao ademais de Sino Seco de Fabaloba e Emi Candal de Urdime.
Segundo fixo saber a vicepresidenta, o programa chega mañá a Santiago cun obradoiro de MJ Pérez. Previamente, xa houbo xeiras de traballo (40 actividades) a primavera pasada nos seguintes concellos: Outes, Santa Comba, A Baña, Betanzos, Narón, Fisterra, Carral, Cerceda, Miño, A Coruña, Oroso, Frades, Melide, Rianxo, Rois, Abegondo, Arteixo, Ames, Arzúa e Cee.
Goretti Sanmartín tamén fixo un percorrido polos obxectivos dos encontros coas nenas e nenos: “Pór en valor que temos un idioma propio, persuadir a mocidade para que incorpore o galego á súa vida cotiá, reafirmar o uso da lingua naqueles mozos e mozas que usan a lingua galega só nalgúns contextos, crear demanda de falantes de galego, promover a sensibilización idiomática e fomentar unha actitude positiva dos e das adolescentes fronte á lingua”.
A vicepresidenta engadiu que na primeira etapa da iniciativa participaron de forma directa 1.417 alumnas e alumnos e o cálculo de participación indirecta supera neste momento as 7.000 persoas: co impacto en redes, medios de comunicación e mozas e mozos dos centros de ensino que sen ter concorrido directamente das actividades si o fixeron coa chegada da comunicación directa aos seus centros de ensino.
No mes de decembro a campaña rematará despois de desenvolver 91 actividades en centros de ensino de 43 concellos da provincia: A Baña, A Coruña, A Pobra do Caramiñal, Abegondo, Ames, Arteixo, Arzúa, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Carnota, Carral, Cedeira, Cee, Culleredo, Dumbría, Ferrol, Fisterra, Melide, Miño, Muros, Narón, Oleiros, Oroso, Outes, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Sada, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo, Vimianzo, Cerceda, Ordes, Frades, Trazo, Tordoia e Mesía.
Participan nas actividades persoas que desenvolven a súa traxectoria no ámbito da música, audiovisual, novas tecnoloxías, teatro, deporte, grafite ou poesía como Paula Carballeira, Antía Otero, María Yáñez, Leandro Lamas, Gaitafilmes, MJ Pérez, García MC, Monoulius DOP, Davide Salvado, Aldaolado, Xurxo Souto, Fran Cañotas, Irene Lourido, Laura Romero, Lois Blanco Arauxo, A raína vermella, Joane Camborda, Mutante Creativo, Cestola na Cachola ou Rosalía Fernández Rial.
Para quen queira máis información sobre o programa, a Deputación da Coruña ten na súa web cumpridos datos sobre o mesmo.

PUBLICIDADE