As TIC, eixo das segundas xornadas de literatura galega que se celebran na USC

venres, 6 de marzo do 2015 Redacción

A Universidade de Santiago celebra hoxe e mañá (6 e 7 de marzo) as Xornadas de Lingua e Literatura Galegas no Ensino. Os encontros celébranse na Facultade de Filoloxía baixo o epígrafe O ensino da literatura ante o desafío dun novo modelo cultural, o que entre outras cousas significa que un dos obxectivos das xuntanzas é repensar o papel das ferramentas da información e o coñecemento neste preciso eido creativo. En palabras de María Álvarez de la Granja, membro do comité organizador, a meta destas xornadas é “suscitar unha reflexión sobre o papel da literatura galega no ensino secundario dentro dun contexto cultural radicalmente modificado polas novas tecnoloxías”. O evento está promovido polos departamentos de Filoloxía Galega e de Didáctica da Lingua e Literatura.
No seu transcurso, engade María Álvarez, “a xuntanza de profesionais e especialistas permitirá reforzar as canles de comunicación entre o profesorado de educación secundaria e o universitario co obxectivo último de axeitar a formación dos estudantes ás necesidades e demandas do mercado de traballo e da sociedade galega”. Tanto María coma o resto do equipo promotor da iniciativa coincide en afirmar que esta permitirá coñecer distintas experiencias educativas, tanto as do profesorado máis veterano como de profesionais incorporados á docencia máis recentemente, co común denominador da procura de solucións novas para os desafíos que hoxe afronte o profesorado de literatura dos centros de Galicia.

PUBLICIDADE