As TIC cobran protagonismo nos proxectos apoiados por Galicia Rural Emprende

xoves, 26 de decembro do 2019 Redacción

Até 62 proxectos empresariais innovadores van ser apoiados a través do Programa IGAPE Galicia Rural Emprende do Goberno galego, que porá en xogo axudas por valor de 4 millóns de euros (a través da Consellería de Economía). Os proxectos aprobados na convocatoria actual de Galicia Rural Emprende contemplan a creación e o sostemento de 168 empregos e abranguen actividades do sector industrial das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), motor, téxtil, forestal, medioambiental e audiovisual, entre outros ámbitos de traballo. A previsión é que estas 62 novas iniciativas non agrogandeiras do rural mobilicen finalmente 7 millóns de euros.
Así, entre as actividades que se desenvolverán están a prestación de servizos de dixitalización e deseño de pezas 3D e de I+D, unha plataforma de xestión de cargadores para vehículos eléctricos, a instalación de equipos industriais, o deseño de roupa e accesorios, servizos de aproveitamento forestal, a confección e o deseño ecolóxicos de toldos ou servizos da industria cultural e de lecer, entre outros eidos de actuación.
Ao abeiro das dúas anteriores convocatorias (2017 e 2018), o Galicia Rural Emprende impulsou 118 proxectos empresariais de emprendedores e autónomos, coa concesión de axudas por importe de 7 millóns de euros vinculadas ao compromiso de creación e mantemento de 285 postos de traballo por parte das iniciativas apoiadas. Estas actuacións están a mobilizar preto de 13 millóns de euros.


PUBLICIDADE