As Rozas acolle o 13 a segunda xornada de traballo de Civil UAVs Initiative

venres, 9 de setembro do 2016 Redacción

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) vai organizar para a semana, o día 13 e na contorna do aeródromo das Rozas (Castro de Rei, Lugo), a segunda edición das xornadas de traballo arredor do proxecto Civil UAVs Initiative. O obxectivo é dar a coñecer as actuacións que abren novas oportunidades de negocio no crecente mercado dos sistemas aéreos non tripulados para os nosos axentes da innovación. Durante este II Workshop presentarase o estado de execución da fase primeira do proxecto (contrato asinado cos socios Indra e Inaer) e as fichas de avance das que sairán as primeiras contratacións da Fase B da Civil UAVs Initiative.
Segundo informa o Centro Tecnolóxico Gradiant, a Fase B da iniciativa comezou o pasado mes de setembro co lanzamento dun proceso de consultas preliminares ao mercado, que segue aberto e ao que se presentaron polo de agora máis de 100 propostas. Estas servirán de alicerce para elaborar as ditas fichas de avance, que permitirán que as empresas coñezan de forma máis precisa as necesidades funcionais da Xunta en relación ás distintas solucións tecnolóxicas innovadoras baseadas en vehículos non tripulados.
Gradiant tamén lembra, “en relación co desenvolvemento da Fase B”, que a Consellería de Economía e o Ministerio de Economía veñen de asinar un convenio de colaboración para apoiar a Compra Pública Innovadora (CPI) de tecnoloxía no ámbito dos vehículos non tripulados. O importe deste convenio ascende a 24 millóns de euros, dos que 19,2 millóns proveñen de fondos europeos xestionados polo Ministerio e 4,8 millóns serán achegados pola Xunta.
Civil UAVs Initiative
O proxecto, centrado no sector emerxente dos avións non tripulados, supón un investimento de 115 millóns de euros e a creación de 600 empregos. Nesta iniciativa a Xunta ten como socios industriais as empresas multinacionais Indra e Inaer. O obxectivo dos impulsores é converter o parque industrial e tecnolóxico das Rozas (sede de Civil UAVs Initiative) “nun referente mundial no desenvolvemento e fabricación de avións non tripulados de ámbito civil”.
O proxecto conxunto inclúe un plan asociado con contratos para 18 empresas, das cales o 70% son galegas; acordos tamén para 14 centros de coñecemento da Comunidade (entre os que están as tres universidades, o Centro Tecnolóxico Gradiant e mailo CESGA); o compromiso das multinacionais Indra e Inaer de trasladar a Galicia a súa actividade de avións non tripulados; e a construción do parque tecnolóxico e industrial en Rozas.
Indra e Inaer trasladarán a súa activade de avións non tripulados (UAVs polas súas siglas en inglés) a Galicia, comprometéndose tamén, no marco deste proxecto, á implantación de 6 novas empresas na Comunidade, a desenvolver un catálogo de produtos que se fabricarán integramente en Galicia e se comercializarán a nivel mundial, e a impulsar tecnoloxías transversais de alto impacto noutros sectores como o naval ou a automoción.

PUBLICIDADE