As Ray-Ban Stories engaden soporte para WhatsApp

mércores, 13 de xullo do 2022 Marcus Fernández

Para entrar no complicado mercado dos produtos electrónicos para vestir, Facebook chegou a un acordo con Ray-Ban para comercializar unhas smart glasses chamadas Ray-Ban Stories, que pese a estar dispoñibles en España dende o pasado mes de marzo, non conseguiron ter visibilidade no mercado, algo que podería mudar se atendemos ao cambio de enfoque que está a recibir o produto, que inicialmente víase como unhas lentes con cámara, pero que agora está a potenciar as súas capacidades sonoras indo máis aló do control por voz e da realización de chamadas en mans libres co móbil.
Mark Zuckerberg anunciou que a partir de hoxe as Ray-Ban Stories poden empregase para realizar chamadas, escoitar mensaxes e enviar mensaxes a través de WhatsApp, prometendo que en breve tamén poderán usarse para responder mediante ordes de voz a mensaxes de Messenger e WhatsApp.
Non hai dúbidas de que as Ray-Ban Stories son unhas lentes discretas, o que pode contribuír á súa popularización, e contando con funcionalidades prácticas para o día a día, como a comunicación a través de WhatsApp, poden ter atopado a fórmula do éxito dun tipo de produto que até o momento ten moitas dificultades para chegar ao grande público.

PUBLICIDADE