As PEME de Pontevedra celebran este mércores un webinar sobre as redes sociais e todo o que as rodea

martes, 17 de marzo do 2015 Redacción

Este mércores 18 de marzo ás 20 horas levarase a cabo un seminario en liña e de balde organizado pola Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa de Pontevedra. O encontro aberto, Redes Sociais para Autónomos e PEME, terá lugar na sede de AEMPE na cidade do Lérez e poderá seguirse de xeito virtualmente durante arredor dunha hora a través das ligazóns dispoñíbeis na web da Aula AEMPE, espazo de traballo e formación colaboradora construído baixo a tecnoloxía eHabilis. Neste seminario abrangueranse as estratexias básicas para a promoción dun negocio na Rede.
A xornada Redes Sociais para Autónomos e PEME está especialmente encamiñada a pequenos e medianos empresarios e persoas emprendedoras interesadas na promoción dos seus negocios a través das redes sociais e Internet. Ao longod o evento trataranse algunhas das iniciativas que se poden desenvolver a través de Internet e as redes sociais para a promoción dun negocio: o plan de comunicación dixital, o blog corporativo, as redes sociais e a figura do community manager, Facebook, Twitter, Linkedin así como ferramentas e utilidades. Asemade, haberá tempo para realizar preguntas e intercambio de experiencias na Rede. Cómpre dicir que este seminario será impartido por María Vieira, pertencente ao Departamento de Comunicación de Sdweb, unha empresa consultora especializada en tecnoloxías da información, focalizada en asesorar a pequenas e medianas empresas na xestión de redes sociais e comunicación dixital para PEME. O acceso a este seminario será de balde e poderá realizarse dende os banners dispostos para tal fin na Aula AEMPE e no propio portal de AEMPE.

PUBLICIDADE