As Lanzadeiras galegas queren máis emprego inclusivo e máis apoios ao emprendemento

xoves, 24 de novembro do 2016 Fernando Sarasketa

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia acolleu este xoves 24 de novembro un foro de emprego organizado polas Lanzadeiras laborais de Compostela, Redondela e Marín. O evento, desenvolvido baixo o título Sinerxías para o emprego, xuntou arredor de medio cento de persoas, entre participantes destas palestras de emprego, por unha banda, e empresarios e responsábeis de recursos humanos, pola outra. Como recordaremos, as Lanzadeiras de Emprego son unha iniciativa da Fundación Telefónica e da Fundación Santa María A Real para impulsar a nivel estatal e nas comunidades a capacitación innovadora e tecnolóxica dos profesionais de cara ao mercado de contratación. No encontro de hoxe, boa parte dos relatores coincidiron en reclamar máis medidas das administracións para favorecer o emprendemento.
Neste punto, a Fundación Telefónica salientou a súa experiencia con Think Big (programa de innovación social para mozas e mozos de idades entre os 15 e 25 anos) e Telefónica Open Future (macro-iniciativa para o impulso de novos proxectos TIC na que se insire o centro de crowdworking Galicia Open Future).
Asemade, na xuntanza fíxose fincapé na necesidade de crear un sistema económico-laboral máis inclusivo (que non deixe a ninguén fóra por razóns de idade, procedencia, sexo, experiencia ou características funcionais, cognitivas ou motrices) e de reforzar as canles de comunicación, actividade e interrelación entre as universidades e o sector empregador.
A cita, como dixemos, veu da man das Lanzadeiras de Compostela, Redondela e Marín. O obxectivo dos seus participantes con este foro foi triplo: darse a coñecer como profesionais cun talento renovado; contactar de forma directa con empresarios e recrutadores; e acadar unha nova oportunidade laboral.
No encontro participaron (entre outros) os responsábeis na nosa terra do Programa Santander-Yuzz e, tamén, os impulsores da Corporación Noroeste e o portal de emprego Galejobs. O programa incluíu unha sesión de networking e a presentación de tres iniciativas postas en marcha ao abeiro das Lanzadeiras de Emprego de Redondela, Marín e Santiago. Falamos de Re[d]lánzate, Red Marín e SCQ Adiante.
Lanzadeiras galegas
As palestras laborais de Redondela, Marín e Santiago, xunto coas de Lugo, Ourense e Arteixo, forman parte da edición galega das Lanzadeiras de Emprego, unha iniciativa da Fundación Telefónica, a Fundación Santa María A Real e máis a Xunta para ampliar e reforzar a empregabilidade da poboación potencialmente activa da nosa Comunidade e do resto do Estado.
Como recordaremos, as iniciativas de Santiago de Compostela, Redondela e Marín comezaron a funcionar a finais de xuño para axudar a 71 persoas desempregadas a adestrar unha innovadora procura de traballo (colectiva, solidaria, proactiva e con novas ferramentas) “acorde ás necesidades que presentan as empresas hoxe en día”.

PUBLICIDADE