As Google Glass poderían axudar ás persoas con eivas auditivas a comunicarse

luns, 6 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Captioning on Glass transcribe a voz en texto que se amosa nas lentes de Google

Non son poucas as aplicacións que nos últimos meses se buscaron ás lentes de Google, e aínda que a meirande parte están destinadas a un público xeral, investigadores de Georgia Tech preferiron pensar nas persoas con discapacidade auditiva, e desenvolveron Captioning on Glass, unha solución que aproveita o recoñecemento de voz dende un smartphone que opera a xeito de micrófono remoto, que debe soster un interlocutor para que as súas palabras se convertan en texto que a outra persoa ve directamente na pantalla das súas Glass, facilitando a transcrición consecutiva que polo momento funciona en inglés, español, francés, ruso, coreano e xaponés.
Podemos ver esta ferramenta como un subtitulador da realidade, e como principal eiva teríamos o feito de ter que achegar o noso smartphone a un interlocutor, o que non parece a opción máis prudente no caso de querer conversar con descoñecidos, aínda que sempre sería posible empregar algún sistema alternativo para a captación do son (como un micrófono externo) para evitar ter que deixar o noso smartphone en mans dunha persoa de pouca confianza. Polo momento este tecnoloxía só funcionaría con smartphones con Android, onde instalar a correspondente aplicacións de Captioning on Glass (sendo tamén preciso instalar a aplicación correspondente nas Google Glass).


Demostración do funcionamento de Captioning on Glass

Esta solución tecnolóxica pode resultar de grande utilidade para comunicarse con persoas con eivas auditivas
Este uso das Google Glass resulta moi cómoda para o seu usuario, que mantén as mans libres mentres interactúa con outras persoas

PUBLICIDADE