As Casas Consistoriais de Lugo contarán con banda ancha antes dun ano

xoves, 27 de maio do 2010 Raquel Noya

A vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, vén de anunciar perante os medios de comunicación que o organismo provincial que representa, aprobará no Consello Reitor do INLUDES de mañá, un prego dotado de 1.075.200 euros, para levar a banda ancha a 66 Casas Consistoriais da provincia. Con este orzamento, que se inclúe dentro dos 9 millóns que a Deputación inviste no Innova-TE, o organismo provincial segue a desenvolver o seu “ambicioso programa tecnolóxico” que permitirá a implantación da administración sen papel en toda a provincia, e que se traducirá na apertura da administración as 24 horas do día, os 365 días ao ano.
Lara Méndez subliñou que “abrimos un novo concurso que garantirá ós Concellos, no prazo de 12 meses, unha conexión a Internet de 2 megas como mínimo”, un avance que, por unha parte, porá fin aos problemas de acceso á Rede que, debido ás condicións orográficas, existen na maior parte dos Concellos lucenses; e pola outra, dotará dun servizo cunha velocidade de conexión alta que permitirá a comunicación inmediata entre veciños e administración.
Nos vindeiros días, o organismo provincial convocará un concurso aberto a todas as empresas relacionadas co sector para, unha vez recibidas todas as ofertas, celebrar varias mesas de contratación, onde estarán presentes todos os grupos políticos para garantir a máxima transparencia e publicidade no proceso de adxudicación.
Con esta iniciativa, a Deputación, rematará coa fenda dixital nos Concellos a mediados do 2011, antes incluso que o Goberno autonómico, o cal “marca o horizonte de 2013 para mellorar o acceso dos galegos á banda ancha”.
Lara Méndez destacou que malia que eles fan un esforzo moi importante, o seu traballo non sería suficiente se a Xunta, administración con plena competencia nesta materia, “non pon a disposición dos veciños a banda ancha necesaria para que poidan realizar, dende a casa, os 120 procedementos que a Deputación lles ofrece co Innova-TE ”.
Os responsables desta iniciativa aseguran que “Lugo é a primeira administración en Galicia que aporta unha solución integral para a implantación da e-administración na provincia” e engadiron asemade que, “co Innova-TE, Lugo da un salto de 0 a 100 no campo das novas tecnoloxías”.

PUBLICIDADE