Arturo Dopico, recoñecido polos empresarios galegos afincados en Catalunya

luns, 11 de xullo do 2011 Redacción

A gala de entrega de galardóns celebrouse o pasado venres en Barcelona

O operador galego R segue a obter recoñecementos. Se hai uns meses salientou nas estatísticas da AIMC como a empresa do seu sector que menos queixas recibe, agora é a quenda do seu conselleiro delegado, Arturo Dopico, quen o pasado 8 de xullo recibiu o Título de Excelencia Galega na categoría de Empresa. O galardón veu dado pola AEGA-CAT, a Asociación de Empresarios Galegos de Catalunya, que entregou este e outros recoñecementos nunha gala celebrada no Hotel Eurostars Grand Marina de Barcelona. O galardón Título de Excelencia Galicia, infórmasenos dende SectorTICGalicia, é un certame destinado a salientar o labor de diferentes persoeiros do noso país nunha chea de eidos de actividade diferentes.
Deste xeito, amais de Dopico, tamén foi distinguido o traballo de Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, na categoría de Ciencias e Medicina; o pintor Antón Lamazares na categoría de Artes, Tomás Pérez Vidal, ex-presidente do Parlamento de Galicia, en Ciencias Políticas; o presidente de La Región, José Luis Outeiriño no eido da Comunicación; Antonio Fernández López, director xeral de Ahorro Corporación, en Finanzas; a alpinista Chus Lago en Deportes; a Xestión do Plan Xacobeo na modalidade de Restauración e Turismo e a Fundación María José Jove en Acción Solidaria.
No transcurso do acto de entrega de premios participou, entre outros empresarios do noso país afincados en Catalunya, o presidente de Filmax e da asociación AEGA-CAT, Julio Fernández, quen salientou que a finalidade destes galardóns é subliñar perante a sociedade “a traxectoria das persoas ou institucións que merecen o recoñecemento da sociedade catalá e galega por facer bandeira da súa terra na súa actividade diaria”, e que os premios conseguen “ano tras ano consegue fomentar e fortalecer os lazos entre Cataluña e Galicia”.

Premiados en edicións anteriores

Persoeiros como Jordi Pujol, presidente da Generalitat durante 23 anos, os ex presidentes da Xunta de Galicia, Xarardo Fernández Albor, Fernando González Laxe e Manuel Fraga, ou o galeguista Isaac Díaz Pardo. No eido empresarial e de finanzas, foron distinguidos como galegos excelentes, entre outros, José Luis Méndez e Julio Fernández Gayoso, presidentes de Caixa Galicia e Caixanova, respectivamente. Xunto a eles, nas pasadas edicións foron galardoados tamén persoeiros do mundo artístico e da comunicación como Fernando Ónega, Julia Otero, Sancho Gracia, Luz Casal, Adolfo Domínguez ou Luis Tosar.

PUBLICIDADE