Artistas unidos a prol da causa do Tíbet crean un disco para descargar en Internet

martes, 22 de xullo do 2008 Raquel Noya

Sting, Suzanne Vega, Alanis Morissette ou Moby son algúns dos músicos mundialmente coñecidos que veñen de unirse a prol da loita polo movemento pro tibetano unindo as súas voces nun disco que sairá antes da inauguración dos Xogos Olímpicos de Pequín.
Cancións polo Tíbet, que así se chamará o traballo destes artistas, “pretende chamar a atención sobre a importancia do Tíbet, as súas riquezas culturais e a crise que afecta ó seu pobo neste momento”, segundo declarou para AFP un dos creadores do proxecto Michael Wohl, representante da Fundación da Arte da Paz que apoia ó Dalai Lama.
O disco estará dispoñible para descargar en Internet a partires do vindeiro 5 de agosto, tres días antes da cerimonia de inauguración dos Xogos Olímpicos 2008 e será posto á venda a semana seguinte, segundo explicou Wohl, “a fin de expresar o noso apoio ó pobo tibetano nun momento no que tódalas miradas do planeta están posts en China”.
O álbum estará integrado por novas composicións e versións, en versión acústica, de cancións xa gravadas anteriormente polos mesmos artistas.

PUBLICIDADE