Arteixo Telecom pon a tecnoloxía ao servizo da eficiencia enerxética no sector do transporte

martes, 21 de setembro do 2010 Redacción

Captura de pantalla do servicio GlobalPosition de Arteixo Telecom, que permite a localización permanente e a xestión de flotas de vehículos.

Arteixo Telecom lanzou o seu novo servizo GlobalPosition, unha solución integral de localización e xestión de flotas que ofrece ás compañías de transportes importantes vantaxes en termos de eficiencia na xestión dos seus activos, redución de custos operativos e seguridade.
O sistema global de localización e xestión de flotas de Arteixo Telecom está baseado en tecnoloxías de comunicacións móbiles GPRS/3G e de posicionamento GPS que, unidas ás capacidades da Internet, permiten ás compañías de transporte realizar un seguimento eficiente dos seus activos en tempo real e dende calquera lugar do mundo.
Para o deseño da solución GlobalPosition, Arteixo Telecom puxo a proba a súa recoñecida capacidade para a innovación tecnolóxica, integrando unha solución de hardware e software para dar resposta ás necesidades dun sector de enorme relevancia dende o punto de vista enerxético, xa que representa máis dun terzo do consumo nacional.
Este servizo de Arteixo Telecom ofrece dúas modalidades de acceso ao usuario, a versión web e a versión de escritorio, e na súa versión máis completa perfílase como unha ferramenta para a xestión global da compañía de transporte. Inclúe seguimento de vehículos, planificación de rutas e asignación dinámica de recursos, xestión de emerxencias, incidencias, comunicacións co centro de control e información a pasaxeiros, entre outros servizos. Na práctica, isto tradúcese nun importante incremento das ordes de traballo, unha substancial mellora da puntualidade e do servizo ao cliente, e aforros de combustible que poden chegar ata o 25%.
No desenvolvemento de GlobalPosition, os enxeñeiros de Arteixo Telecom puxeron en xogo a súa ampla experiencia no deseño e puxeron en marcha de Sistemas Intelixentes de Transporte (ITS). Para garantir a operatividade do servizo baixo calquera condición, GlobalPosition foi sometido a duras probas en situacións extremas, con tests de campo realizados en España e Angola.
Jacobo Penide, director xerente da unidade de negocio de Transporte de Arteixo Telecom asegura que «o noso novo sistema de localización e xestión de flotas ofrece ás compañías de transportes numerosas vantaxes. Unha das máis destacadas é a mellora da eficiencia enerxética, ao racionalizar a xestión dos vehículos e reducir o consumo de carburantes. Isto é chave para a competitividade das empresas, que contan ademais con importantes facilidades para implantar o noso sistema, xa que se poden acoller ás liñas de subvencións e axudas públicas para a implantación de sistemas que melloren a eficiencia enerxética que ofrecen as administracións públicas».
Co lanzamento de GlobalPosition, Arteixo Telecom consolida a súa posición de líder en España no mercado dos Sistemas Intelixentes de Transporte (ITS). A compañía conta cunha ampla experiencia nesta liña de negocio, con solucións tanto para o transporte por estrada de mercadorías e pasaxeiros coma para o ferrocarril e o transporte marítimo. Actualmente, circulan por todo o mundo máis de 3.000 vehículos dotados de solucións intelixentes de Arteixo Telecom.
Ademais, a compañía é pioneira en ofrecer conexión a Internet de banda ancha en servizos de transporte de viaxeiros, sistema implantado por empresas multinacionais líderes no sector.
Por outra parte, Arteixo Telecom lidera o grupo de traballo de Gigaconectividad para o sector do Transporte. Trátase dunha iniciativa de I+D avalada pola Plataforma Tecnolóxica Española de Tecnoloxías Audiovisuais en Rede (eNEM) e a Asociación de Empresas de Tecnoloxías da Información e Comunicacións de España (AETIC) que ten por obxectivo o desenvolvemento de solucións para a transmisión de datos a alta velocidade (banda ancha) sobre calquera tipo de cableado.

PUBLICIDADE