Arteixo Telecom achegará contadores intelixentes a Endesa

mércores, 30 de marzo do 2016 Redacción

Arteixo Telecom, firma galega de telecomunicacións emprazada nas Pontes, semella estar en pleno proceso de recuperación (cómpre lembrar que en 2013 presentou concurso de acredores), un regreso polo vieiro do medre que xa comezou a amosar hai agora dous anos, cando confirmou a consecución de boa parte dos apoios precisos para impulsar a saída da paréntese produtiva e competitiva. Segundo puidemos saber hoxe, a firma tecnolóxica encetará nas vindeiras semanas a execución dun contrato coa compañía italiana Enel para xerar máis de millón e medio de contadores intelixentes de electricidade, sendo Endesa (filial de Enel) a destinataria final destes aparellos smart, un tipo de tecnoloxías que como recordaremos serán obrigatorias para todos os fogares antes do remate de 2018. O contrato establecido será de dous anos.
A firma galega, que participou na poxa xunto ao socio francés Sagecom, encargarase dos treitos finais da fabricación dos aparellos (o deseño e os primeiros elos da cadea correrán a cargo de Sagecom). Serán 1,4 millóns de contadores monofásicos e 200.000 trifásicos. Os dispositivos terán o seu mercado en España e Portugal e os traballos de fornecemento arrincarán co comezo do verán. Arteixo Telecom ten entre as súas previsións achegar entre 7.000 e 15.000 contadores ao mes. Os traballos de fabricación levaranse a cabo na factoría da compañía galega en As Pontes. Ao mesmo tempo que se establece e desenvolve esta liña de fabricación a firma manterá a súa actividade, tentando incrementala ao máximo, no ámbito das telecomunicacións e os equipamentos electrónicos para o eido do transporte.

PUBLICIDADE