Arrinca o primeiro seminario en liña sobre ecommerce do programa Autónomos Dixitais
luns, 14 de xuño do 2021
Estes
días arrincou
o primeiro seminario dixital 4 claves para un negocio online,
abeirado ao programa Autónomos Dixitais da Consellería de Emprego e
Igualdade. A iniciativa, que contou coa participación da
directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, enmárcase
nas medidas específicas que o Goberno galego está a adoptar para
facer fronte á COVID-19 “debido ao incremento do comercio
electrónico nas etapas de confinamento da poboación”.
A
directora xeral destacou na apertura da actividade a importancia das
canles en liña coma “aliadas para os pequenos negocios no estalido
da actual pandemia”. Lado declarou que contar cunha plataforma de
comercio electrónico “permite ás persoas traballadoras autónomas
e ás pemes darse a coñecer dentro do enorme mundo da Internet”
para acadar deste xeito, remarcou, unha igualdade dentro do actual
mercado nun contexto onde a actividade empresarial pola Rede segue a
medrar, cun 72% de cibernautas entre 16 e 70 anos en España que
tiran proveito dela como principal canle de compra.
O
programa Autónomos Dixitais foi presentado o pasado mes de maio pola
conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, con 1200
participantes na primeira edición e que se dirixe a catro perfís: o
da mocidade (menores de 30 anos); mulleres; persoas entre 31 e 44
anos e autónomos que tiveron que pechar o seu negocio como
consecuencia da COVID-19; e, tamén, as persoas traballadoras
autónomas maiores de 45 anos.
Cada
perfil consta de dous cursos gratuítos en formato dixital: un básico
sobre fundamentos do comercio electrónico e outro avanzado para a
especialización no ecommerce. Cada curso consta de 50 horas
de formación e ao remate os alumnos e alumnas recibirán un diploma
de aproveitamento.