Arrinca en Santiago a cuarta edición do Congreso de Fenda Dixital

xoves, 7 de abril do 2016 Redacción

A Facultade de Ciencias da Educación de Santiago (Campus Vida) acolle estes días a cuarta edición do Congreso de Fenda Dixital, unha xuntanza destinada, como o seu propio indica, a pór sobre a mesa os porqués da existencia (aínda) de amplos sectores da poboación que non teñen nin tan sequera acceso aos máis mínimos recursos dixitais e de información. Máis polo miúdo e segundo avanza a organización, avaliaranse as posibilidades que as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) poden ofrecer para “contribuír ao desenvolvemento de procesos de inclusión educativa, á abordaxe das necesidades educativas especiais e a facilitar ou promover a igualdade”. O evento desenvólvese a partir deste xoves 7 e até o sábado 9.
A xornada inaugural presidiuna ás 9.30 horas o vicerreitor de Comunicación e Coordinación, Xosé Pereira, este xoves 7. Interviñeron tamén a decana da Facultade, Carmen Fernández Morante; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, Manuel Corredoira; o concelleiro de Educación de Santiago, Manuel Dios; a presidenta de Nova Escola Galega, Mariló Cancelo; Daniela Gonzalves en representación das universidades portuguesas participantes; e Montse Castro, en nome do comité organizador. A conferencia que abriu a quenda de intervencións estivo adicada aos desafíos da inclusión na sociedade dixital e impartiraa Ángeles Parrilla, da Universidade de Vigo, e Tiberio Feliz da UNED.
A xornada da tarde, a partir das 16.30 horas continuará cun relatorio sobre recursos educacionais abertos e a democratización do coñecemento e unha mesa redonda que avaliará a contribución das TIC en iniciativas de atención á diversidade. Este primeiro día do congreso concluirá coa proxección das pezas que integran o proxecto Vida de Rubén Riós, unha curtametraxe –Vida- e un documental –Máis ca Vida- de marcado carácter social protagonizados por persoas con discapacidade funcional que entrelazan nun guión os medos e prexuízos que aparecen no día a día destas persoas.
Coa participación de actores de éxito como Javier Gutiérrez, Cristina Castaño, Mariana Carballal, María Mera ou Estíbaliz Veiga, Vida e Máis ca Vida buscan amosar as arelas dos/das protagonistas por “rachar as barreiras cunha mentalidade positiva”.
O congreso organízano nesta edición as facultades de Ciencias da Educación das tres universidades galegas, xunto coa Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro, o Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal e outras institucións investigadoras e profesionais arredor da docencia e a pedagoxía tanto galegas como brasileiras. A organización pretende crear “un espazo de encontro internacional a través do que xerar debate sobre o estado actual das TIC nos diferentes contextos educativos”, informou. Amais disto, o Congreso de Fenda Dixital constitúe en palabras dos organizadores “un contexto de intercambio sobre experiencias e proxectos de investigación innovadores, favorece o feedback e a reflexión entre docentes, educadores/as sociais, profesionais da pedagoxía ou da psicoloxía e asistentes sociais coa finalidade de analizar criticamente o papel que as TIC desempeñan no ámbito académico e nos contextos sociocomunitarios”.

PUBLICIDADE