Arrinca Youtubeir@s en Ourense

luns, 23 de xaneiro do 2017 Redacción

As nosas universidades queren ser acubillos e palestras itinerantes de novos creadores de contidos audiovisuais en galego (algo que entronca, directamente, co congreso que comeza mañá en Santiago, DICO Summit 2017, onde se tentará premiar, impulsar e visualizar os traballos da nosa mocidade en materia de audiovisual, mundos dixitais e realidade virtual). Como lembraremos, a iniciativa dos campus galegos, o programa formativo Youtubeir@s, concurso de vídeos na Rede, comezou en decembro impulsada polos servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas e dos concellos da Coruña, Ames, Baña, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo. Agora, volve ser novidade polo inminente comezo das actividades en Ourense. O venres, sen ir máis lonxe, presentáronse na cidade das Burgas coa finalidade de “facilitar e fomentar a participación”.
No acto participaron José María Faílde, director da Área de Planificación do campus de Ourense; Paulo Cabral, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo; Belén Iglesias, concelleira de Cultura, e Mónica Fernández, responsábel do servizo de normalización lingüística municipal. Durante a presentación lembraron que “Youtubeir@s naceu co obxectivo de incrementar o uso do galego nos contidos audiovisuais dunha das redes máis empregadas no mundo”. Entre as liñas de actuación que contempla o proxecto, dixeron, abránguese a celebración de obradoiros formativos impartidos pola produtora Illa Bufarda que teñen como obxectivo facer accesible o uso das redes sociais e da linguaxe audiovisual para a transmisión de saberes e opinións, neste caso concreto en galego.
Na cidade de Ourense, os obradoiros, de carácter práctico, serán os días 7 e 14 de febreiro no salón de graos do Edificio de Ferro do campus e os días 10 e 17 de febreiro no Centro de Innovación Social Dixital La Molinera. Poden inscribirse de balde persoas maiores de 14 anos, establecéndose un máximo de 20 persoas en cada obradoiro. Na primeira sesión formativa de cada quenda, dunha hora de duración, afondarase nos consellos básicos para sacarlle o maior partido á cámara dos dispositivos móbiles e na mellor forma de transmitir os coñecementos. Na segunda sesión formativa, de dúas horas de duración, editarase o material e os participantes aprenderán a publicalo en YouTube.
Youtubeir@s, concurso de vídeos na Rede, comezou o xoves 1 de decembro e o prazo de presentación de vídeos prolongarase ata o 28 de abril. Poderán presentarase persoas maiores de 14 anos que deberán formalizar a súa inscrición en liña. Os vídeos deberán ter unha duración aproximada de cinco minutos, estar licenciados en creative commons, producidos en galego e estar dispoñíbeis na rede social YouTube.
O concurso atinxe dúas categorías en función dos contidos das pezas. Por unha banda, pódese concursar en Vídeo-facermos, con titorías nas que se amosen saberes e procesos de elaboración audiovisual. A outra alternativa é Vídeo-opinarmos, modalidade de vídeos nos que, de xeito argumentado, achégase unha opinión ou valoración arredor dun tema de interese, por exemplo, sobre un libro, unha película, unha serie, temas de actualidade, moda ou tendencias.
En cada unha destas categorías outorgarase un galardón dotado de 1.000 euros e catro mencións honoríficas de 500 euros segundo os criterios dun xurado que estará composto por profesionais da comunicación audiovisual. Na súa valoración, o xurado terá en conta o enxeño e a creatividade, valorando a orixinalidade da peza a nivel visual, sonora e do propio contido; a calidade técnica da peza tanto a nivel visual como sonoro; a eficiencia comunicativa do vídeo na transmisión do contido tanto a nivel oral como visual e a calidade lingüística, valorando o uso coidado e correcto da lingua en todas as súas variantes dialectais.

PUBLICIDADE