Arredor dun cento de enxeñeiros celebraron coas súas familias San Teleco XL

luns, 26 de outubro do 2015 Redacción

Este sábado 24 de outubro máis dun cento de ex alumnas/os (telecos) da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo participaron xunto coas súas familias en San Teleco XL, un encontro de confraternización organizado conxuntamente entre a dirección da propia Escola e o Colexio Oficial de Enxeñaría en Telecomunicación de Galicia, o COETG. O evento de irmandade foi conducido por Íñigo Cuíñas, director da Escola da Universidade de Vigo e nel participaron varios membros da directiva do COETG/AETG e un bo número de colexiadas/os e asociadas/os.
Segundo informa a organización do evento, o acto central levouse a cabo no salón de actos do devandito centro universitario e nel participaron profesionais que no seu momento exerceron como delegados de alumnos. A xornada incluíu tamén un percorrido polas aulas e laboratorios para dar a coñecer “o cambio tan importante que deu a Escola ao longo destes anos”.
De xeito complementario a estas actividades de confraternización, arredor de medio cento de rapazas e rapaces, tanto de Infantil como de Educación Primaria e Secundaria, participaron arreo nunha serie de obradoiros destinados ás distintas franxas idades e co obxectivo de achegar lecer tecnolóxico e xanelas directas á experimentación coa electrónica, a intelixencia artificial, a robótica e a música dixital. Esta axenda de actividades rematou cun xantar no que concorreron todos os asistentes á festa teleco.
Sinalar tamén que coa xornada de confraternidade celebrouse o 30 aniversario da Escola e as vodas de prata da graduación da primeira promoción de enxeñeiros e enxeñeiras que saíron das súas aulas. Segundo apuntou previamente ao desenvolvemento da festa Íñigo Cuíñas, “familiarizar as novas xeracións coas tecnoloxías é o primeiro paso para crear nos nenos o interese pola ciencia e a técnica e atraelos cara as actividades dos enxeñeiros”, dixo, engadindo logo que “San Teleco representa un bo momento para favorecer a relación persoal entre os diferentes actores do tecido empresarial TIC galego”.

PUBLICIDADE