Arredor de trinta profesionais concorreron no foro de CLAG sobre tendencias no mercado da TV

xoves, 21 de marzo do 2013 Redacción

O Clúster Audiovisual Galego (CLAG) celebrou este mércores en Santiago un encontro destinado a avaliar as potencialidades dos novos tipos de tecnoloxías chamados a cinguir, a través dunha única canle, os eidos da Internet de banda larga e a televisión interactiva. Falamos do foro Tendencias no mercado da Televisión baseada no estándar HbbTV, no que diversos especialistas de ámbolos dous sectores (TIC e audiovisual) avaliaron o presente e o futuro da TV conectada en España. O presidente do CLAG, Andrés Barbé, foi o encargado de abrir o encontro, no que participaron arredor de trinta profesionais. Durante o foro presentáronse os cambios que se produciron nas tendencias de consumo audiovisual asociados ao incremento da penetración da TV conectada, e o seu impacto no desenvolvemento de novos produtos e modelos de negocio das empresas da cadea de valor do sector audiovisual.
O vicepresidente da Asociación Española de Empresas de Televisión Interactiva (AEDETI), Tomás Cid, foi o moderador da mesa redonda. Segundo Tomás Cid, “a TV conectada está aquí para ficar”, polo que “non se trata dunha moda pasaxeira”, anunciou. Ademais asegurou que “no ano 2018 haberá polo menos un televisor conectado a Internet en cada fogar”. Neste novo escenario, adiantou que o acceso aos contidos audiovisuais poderá ser de tres maneiras: o tradicional a canles de TV a través da canle de radiodifusión, o acceso directo a contidos on-demand (baixo demanda) a través da canle da banda larga, e un modo híbrido (HBB) no que o radiodifusor poida ofrecer contidos a petición e servizos interactivos sobre a programación tradicional. Tamén participaron na xuntanza Francisco Asensi, director de Desenvolvemento de Negocio na Dirección de Medios Interactivos de RTVE, e Esther Medina, xefa da Área de Innovación e Novas Canles da CRTVG, que debateron sobre os modelos de negocio que a TV conectada pon a disposición dos emisores de contidos. Para Asensi, os novos costumes de consumo puxeron nos nosos fogares un modelo de lecer multiplataforma que chegará a un fito importante en 2015 coa consecución, máis que previsíbel, de 500 millóns de televisores conectados en todo o mundo. Pola súa banda, Esther Medina sinalou que “a segunda pantalla abrirá novas oportunidades de crear produtos transmedia, permitirá altos grados de segmentación e incrementará o tempo de interrelación entre anunciantes e espectadores”. Para rematar, Darío Janeiro, director de Contidos e Publicidade Multiplataforma en Cinfo, falou da experiencia da súa empresa e das oportunidades de negocio neste sector para as PEME audiovisuais. Subliñou que Cinfo está a desenvolver un proxecto, EPG Cloud, que supón “un chimpo cualitativo no ámbito das guías de programación e que inclúe a incorporación de información estendida tamén para segundas pantallas”.

PUBLICIDADE